Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebra as IV Xornadas de prevención de incendios, dirixidas ao alumnado de infantil e primaria

Cervo, 30 de novembro de 2022. O Concello de Cervo organiza, en colaboración coa Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) as IV xornadas de prevención de incendios dirixidas ao alumnado de infantil e primaria do municipio.

O acto inaugural tivo lugar esta mesma mañá ás 10:00 horas no CEIP Península da Paz, e contou coa participación do rexedor, Alfonso Villares, do responsable do GES, Mario Antuña, do vicepresidente da APTB José Manuel Ferreira, e en representación da Fundación MAPFRE, José María Rañón e Jacinta Cociña.

A actividade, na que participou todo o centro –máis de 150 alumnos divididos en tres quendas- desenvolveuse de 10:00 a 14:00 horas.

Programáronse talleres de primeiros auxilios, instalouse a casiña de fume para explicar aos nenos os protocolos a seguir ante unha alerta por lume no centro, impartíronse charlas coas recomendacións a seguir en caso de incendio, proxectáronse vídeos sobre autoprotección escolar, e houbo tamén exposición de medios de extinción, no pavillón do centro.

Trátase dunha actividade didáctica dirixida ao alumnado dos colexios de Cervo co obxectivo de que “aprendan a identificar os riscos que poden presentarse na súa contorna e adquiran os coñecementos necesarios para poder actuar en caso de emerxencia”, tal e como apuntou o rexedor, Alfonso Villares, que fixo unha valoración moi positiva destas xornadas.

Mañá a actividade trasladarase ao pavillón do CEIP de Cervo e sumarase tamén o colexio ao completo.

Exit mobile version