Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “Os veciños do rural estarán aínda máis illados no 2023 porque a Deputación so dedicará un millón máis que no 2022 ás súas estradas”

O portavoz popular lembra que o presidente, José Tomé, anunciou no Parlamento 30 millóns para as estradas e finalmente a cantidade consignada para as vías provinciais queda reducida a 18,3 millóns

Lugo, 24, novembro de 2022. O goberno provincial reflicte no orzamento para o 2023 a súa falta de compromiso coa mellora da deteriorada rede viaria provincial. Nun ano no que os orzamentos da Deputación se incrementan en 10 millóns de euros, os fondos para as estradas provinciais só aumentan un millón con respecto ao exercicio que remata. O portavoz popular, Javier Castiñeira, lamenta que “un ano máis os veciños da nosa provincia, do rural, van seguir illados polo mal estado das estradas provinciais”

Castiñeira sinala: “Despois de ver as dúas presentacións que fixo o goberno da Deputación de Lugo dos orzamentos para o 2023, concluímos que non ten nada claras as contas e especialmente as contas que fan referencia as estradas provinciais. Na presentación no Parlamento, o señor Tomé dixo dispoñer de 30 millóns de euros para as estradas, pero hai poucos días as súas deputadas provinciais dicían que eran 18,3 millóns para as vías provinciais; un dato que nos parece máis real que o que deu o presidente no Parlamento. É un millón de euros máis que o ano pasado, e consideramos que é un incremento irrisorio e insignificante, tendo en conta e comparando co que medran os orzamentos este ano”.

Castiñeira explica: “Se os orzamentos medran 10 millóns de euros e só se aumenta en un a cantidade destinada a estradas, é moi significativo. Quere dicir que a provincia vai seguir afondando no seu illamento, que xa era notorio nestes últimos anos. Ese millón de euros máis só vai servir para paliar as consecuencias da inflación, é dicir do incremento de custos que teñen os materiais de construción necesarios para reparar as estradas”.

Os populares destacan que “dos 18,3 millóns totais, son pouco máis de 4,4 millóns de euros para conservación e pouco máis de 6,5 millóns para investimento”. Castiñeira di: “É absolutamente insuficiente, porque é a rede de estradas máis ampla do Estado, con 4.200 quilómetros”. Engade: “Dende o PP estamos en contra de que as estradas non sexan unha prioridade nos orzamentos para o ano 2023 e lamentamos que un ano máis os veciños da nosa provincia, do rural, van seguir illados polo mal estado das estradas provinciais; o PP promete que seguirá denunciando eses agravios que se están a facer aos veciños do rural que se ven illados pola falta de mantemento das estradas provinciais”.

Exit mobile version