Castiñeira constata que “cando o PP participaba en facer os orzamentos da Deputación de Lugo, os cartos rendían moito máis”
Lugo, 29 de novembro de 2022. O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, demostra, na conformación do orzamento da Deputación para o próximo ano, o que xa quedou claro dende que asumiu o cargo: non é un bo xestor, antes ao contrario. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, que asegura que “os últimos orzamentos de Tomé delátano como mal xestor”. Explica que “o socialista José Tomé, con 25 millóns máis que o tamén socialista Darío Campos, fai moito menos” e remata a lexislatura cun largo rosario de incumprimentos coa provincia.
O portavoz popular indica: “Tomé remata a lexislatura incumprindo as súas propias promesas de subir o Plan Único un 25%; con retrasos en practicamente todas as residencias que hai en construción (Becerreá, Guitiriz, Portomarín, Poboa do Brollón, Pantón, Courel, Cervantes, etcétera), sen tocar polígonos prometidos como os de Riotorto, Baralla ou Triacastela. Remata a lexislatura coa planta de biogás de Castro sen funcionar e co taller de Mallo, en Begonte, que ía ser unha escola de canteiros, pechada como almacén de trastes”.
Castiñeira asegura tamén: “Tomé remata a lexislatura con goteiras e incumprimentos nas poucas instalacións deportivas que posúe a Deputación de Lugo; sen tocar a Augas Mestas, nin aos Robles; cos náuticos de Portomarín e Chantada abandonados, co Pelegrín I afundido e cos catamarán nos que viaxan ao redor de 40.000 turistas, anticuados. Tomé remata a lexislatura sen cumprir coa provincia, cos traballadores de Suplusa no xulgado e coa metade dos concellos ninguneados por un goberno que os discriminou cando máis o necesitaron”.
Os populares destacan que “no ano 2017, con 85 millóns de euros, se fixo un Plan Único de 20 millóns, arranxáronse as estradas, por 18,4 millóns e fíxose un plan extraordinario, por 15 millóns e construíronse residencias”. Non entenden “como no 2023, con 25 millóns máis, o presidente Tomé non é capaz de facer moito máis que hai cinco anos”.
Castiñeira declara: “As comparacións son odiosas, pero cando o PP participaba en facer os orzamentos da Deputación de Lugo, os cartos rendían moito máis; con moito menos facíase o mesmo ou máis. Neste caso, co BNG no goberno, o PSOE fai moito menos. Hai que explicar aos veciños que con 25 millóns de euros máis que hai cinco anos estase a facer o mesmo; conxelouse o Plan Único, que probablemente é o máis importante dos que desenvolve esta Deputación, en todos estes últimos anos”.