Na enésima edición do campionato de olladas cara o dedo no canto de ollarmos cara á lúa, salientou o pacto do Goberno do Estado con EH-Bildu para transferir as competencias de tráfico e seguranza viaria á Deputación Foral de Nafarroa, sen que case ningúen lembrase que este acordo fora obtido xa no 2018 polo traballo do PNV e da anterior presidenta nacionalista do Goberno navarro, Utxue Barkos.
Tamén semellan esquecer moitos que o PPdeG, dirixido por Núñez Feijóo, votara a prol, na primavera de 2008, a proposición de lei que o Parlamento galego aprobara por unanimidade- por proposta de Anxo Quintana (BNG)-reclamando a transferencia destas competencias a Galicia e á súa Policía autonómica. Entón existía consenso para favorecer o traspaso dos funcionarios militares da Garda Civil de Tráfico na Galicia (case todos galegos) ao Corpo civil da Policía autonómica. Unha solución abertamente apoiada polas organizacións máis representativas en Galicia da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.
A traizón de socialistas (que votaron en contra) e populares (que se abstiveron) ao compromiso de país pactado impediu en setembro de 2010 a aprobación desta lei. Mais arestora a transferencia destas funcións segue a ser unha necesidade, canda a transferencia da AP-9, prometida no pacto de lexislatura de Pedro Sánchez (xaneiro de 2020) e aínda incumprida. Velaí o espallamento da nosa poboación, a alta densidade da nosa rede viaria e máis a grande dependencia do coche da nosa cidadanía, carentes como estamos de servizos ferroviarios de proximidade. Tamén a cínica política de recadación que seguen na Galicia os dirixentes políticos e altos mandos militares (non os funcionarios) da Garda Civil de Tráfico. Pois que, con dados de 2015 e 2016, a media de multas impostas neste país por cada 1.000 habitantes foi de 147 fronte ás 85 impostas nos outros 13 territorios nos que opera a Garda Civil de Tráfico. É dicir, nos impoñen 170.000 multas máis. Eis a necesidade de mudarmos dun sistema de recadación a un de prevención, formación e protección, como os que teñen Catalunya e Euskadi, onde cadansúa polícía autonómica xestiona o tránsito de vehículos e onde melloraron substancialmente no número e, sobre todo, na gravidade dos seus accidentes.
Na primavera de 2021 o Parlamento galego aprobou outravolta, coa abstención do PP a reclamación destas competencias ao Governo do Estado. Algúns voceiros sindicais da Garda Civil formularon dúbidas. Mais constituirá parte substancial da proposta unha “pasarela” que permita a integración dos funcionarios da Garda Civil de Tráfico na Galicia na Policía autonómica galega, nunhas condicións laborais ben máis acaídas para os funcionarios ca as actuais que sofren.