Ribadeo, 4 de novembro de 2022. Na última xunta de goberno local foi autorizada a prórroga na concesión da piscina municipal por 5 anos máis chegando así ata o ano 2030. A concesionaria do servizo vai construír unha nova sala dotada con equipamento fitness de última xeración e mellorará e reforzará unha das fachadas do edificio. O investimento ascenderá a 140.000 euros, segundo deu a coñecer nesta xornada o alcalde, Fernando Suárez.
Hotel
O rexedor contou que “dentro das licencias de obra e de actividades debemos sinalar a autorización para as obras do Hotel O Cabazo de cara a lograr un cambio de clasificación actual das tres estrelas que ten e pasalo a catro estrelas. Isto sen dúbida que seguirá posicionando a Ribadeo como un destino turístico cunha ampla variedade de aloxamentos incluídos os de alto nivel de prestación de servizos, como é o caso”.
Suárez Barcia indicou que “tamén se autorizou a rehabilitación integral dunha vivenda en Couxela, a construción doutra vivenda unifamiliar na parroquia de Ove, así como varias segregacións de parcelas urbanas en Piñeira, Ove e A Devesa. Todo isto é posible por ter vixente e consolidado un moderno Plan Xeral de Ordenación Municipal que permite a claridade do que se pode ou non facer e unha seguridade xurídica cando se fai”.
Novos negocios
O alcalde de Ribadeo engadiu que “igualmente deuse permiso para a creación dunha nova parafarmacia na rúa San Francisco e autorizouse a instalación temporal dunha torreta de medición de vento no lugar do Somo, en Covelas”.
Fernando Suárez subliñou que “a Xunta de Goberno Local autorizou a prórroga na concesión da piscina municipal por cinco anos máis. O período que remataría no 2025 agora chegará ao 2030, pois os pregos de licitación así contemplaban esta posibilidade”.
E dixo que “tanto o Concello como a concesionaria coinciden que para seguir con esa oferta de calidade débese actualizar o centro deportivo. Nos últimos anos xa se creou unha sala de actividades e renovouse o equipamento deportivo do ximnasio. Agora, a concesionaria do servizo comprométese á construción dunha nova sala de actividades destinada a adestramentos de tipo funcional. Será un espazo de 130 m2 e estará dotado de equipamento fitness de última xeración.Con esta sala preténdese atraer a novos perfís de usuarios e ofrecer aos existentes unha maior oferta deportiva e adestramentos máis innovadores”.
O rexedor explicou que “para levar adiante estas importantes e ambiciosas melloras tamén será necesario mellorar e reforzar unha das fachadas do edificio. O custo da obra da creación desta nova sala fitness e a rehabilitación da fachada suporá para a empresa xestora máis de 140.000 euros. Así Ribadeo seguirá contando cun centro deportivo de referencia na Mariña Lucense”.