Ribadeo, 18 de novembro de 2022. No salón de plenos do Concello tivo lugar a sinatura dos convenios das subvencións nominativas na Área de Cultura. 24 colectivos reciben 41.000 euros. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Cultura, Pilar Otero.
A edil ribadense explicou que “representantes dun total de 24 entidades ribadenses, sen ánimo de lucro, que desenvolveron actividades culturais neste 2022, asinaron os seus respectivos convenios co Concello no marco das subvencións nominativas das que son beneficiarias”.
Otero Cabarcos subliñou que “un total de 41.000 euros distribuiranse entre asociacións culturais propiamente ditas, comisións organizadoras de festas parroquiais, centros de ensino e asociacións de nais e pais de alumnado de todos os centros ribadenses”.
O concelleira de Cultura dixo que “basicamente preténdese garantir a disposición de fondos a entidades cunha dinámica cultural estábel ao longo dos anos, no convencemento de que a dinámica social que nace da propia veciñanza debe ser apoiada pola administración local. Dalgunha maneira podemos incluso entender este apoio económico como un xeito de agradecemento ao esforzo feito por todas estas entidades ao longo do ano para axudar a dinamizar no eido sociocultural a actividade na nosa vila e nas nosas parroquias”.
Pilar Otero indicou que “todas estas asociacións beneficiarias destas axudas teñen ata o 31 de xaneiro de 2023 para presentar a documentación xustificativa das actividades e gastos realizados en 2022”.
E engadiu que “a maiores, estase tamén na tramitación do expediente doutras subvencións para asociacións que desenvolven actos culturais. Están orzamentados para iso un total de 4.000 euros e as entidades acceden a esta axuda neste caso polo método de concorrencia competitiva. Estamos a falar dun total de 45.000 euros para o tecido asociativo cultural ribadense neste ano 2022”.