Dez minutos despois das 12 horas, un particular chamaba ao 112 Galicia para alertar de que estaban a saír lapas polo tellado dunha casa situada na rúa Vilar, en Burela. Segundo o mesmo alertador, o único ocupante do inmoble estaba no exterior desde o primeiro intre e non requiría ser atendido polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Nos momentos posteriores, varios particulares máis chamarían para dar aviso dos feitos, engadindo que as chamas parecían estar estendéndose aos cables eléctricos instalados preto da casa.
Entón, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos Bombeiros de Barreiros, do GES de Cervo, da Garda Civil e de Protección Civil de Burela.
Ao chegar ao lugar, os servizos de emerxencias valoraron a situación. Era necesario informar á distribuidora eléctrica da zona polas chispas que saían dos cables. Así, e tras cortar o persoal desta última a corrente, os equipos de extinción procederon a apagar as lapas.
Finalmente, os Bombeiros de Barreiros comunicaron os danos materiais rexistrados: ardera a totalidade da casa, agás un reducido anexo.
Pouco despois das 18:20 horas, desde a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Burela informaban de que o lume podería estarse reavivando, polo que un membro del GES de Cervo desprazouse de novo ao lugar a fin de refrescar a zona.
Ás 19:40 horas desta tarde, os membros de Protección Civil de Burela indican que na última intervención unicamente ardeu roupa que quedaba no interior da vivenda, que aínda presentaba unha importante carga térmica.