A iniciativa dos populares saíu adiante no pleno deste mércores co voto favorable de todo os grupos da corporación
A Fonsagrada, 9 de novembro de 2022. En apoio ao sector agrogandeiro do municipio, o Grupo Municipal Popular da Fonsagrada defendeu no pleno deste mércores unha proposta para iniciar o procedemento administrativo de cara á modificación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para que recolla unha bonificación ás edificacións nas que se desenvolvan actividades agrarias ou gandeiras. A iniciativa saíu adiante por unanimidade.
Os populares da Fonsagrada teñen amosado en reiteradas ocasións o seu apoio ao que é o sector económico máis importante para as familias do municipio que conta cunha gran cantidade de produtores de Ternera Gallega Suprema. Tendo en conta que “estes gandeiros están a vivir unha situación complicada debido á suba dos prezos das materias primas coma os pensos e dos custes de produción en xeral que inclúen as subministracións de enerxía; cremos que o Concello debe colaborar para reducir o impacto desta situación aos gandeiros”.
O voceiro, José Luis Regueiro, sinala que “o artigo 74 da Lei Reguladora de Facendas Locais, permite que os Concellos aproben unha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto no caso dos inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento de emprego”.
Polo tanto, o Grupo Municipal Popular propuxo levar a cabo esta medida que si pode adoptar o Concello co fin de que os gandeiros “paguen menos impostos polas súas naves e galpóns”. De feito, “outros concellos da provincia coma o do Corgo ou Friol teñen aprobado bonificacións deste tipo en beneficio dos seus veciños”, segundo manifesta Regueiro.
O popular explica que “trala aprobación desta proposta, será necesario que a secretaría elabore informes técnicos que recollan estudios económicos e de viabilidade sobre a modificación deste imposto municipal. Unha vez que se presenten os informes, a alcaldía deberá levar ao pleno unha proposta para ser sometida á súa aprobación”.
ACORDO ADOPTADO NO PLENO
O Pleno da Corporación Municipal de A Fonsagrada solicita o inicio de oficio dun expediente administrativo que promova a modificación inmediata da Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles de conformidade co establecido no artigo 74.2 do Texto Refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais, Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, para que o Concello regularice as bonificacións potestativas necesarias para establecer unha bonificación do 95% da parte da cota íntegra do imposto relativa a construcións rústicas indispensables para o desenvolvemento das explotacións agrícolas ou gandeiras, previa declaración de especial interese ou utilidade pública municipal por concorrer circunstancias tanto sociais como de fomento de emprego.