Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnado de Muras, Mondoñedo, Abadín e O Valadouro achegarase á produción de documentais de natureza, co equipo técnico de “Fillas do vento”

A produtora Trespés Filmes desenvolverá sesións divulgativas sobre o proceso de produción e gravación, co apoio da Vicepresidencia da Deputación

Lugo, 22 de novembro de 2022. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegará ao alumnado de Muras, Mondoñedo, Abadín e O Valadouro á produción de documentais de natureza.

Aproveitando a preprodución do documental “Fillas do Vento”, sobre o cabalo de monte, a equipa técnica da produtora Trespés Filme acudirá aos centros educativos para desenvolver sesións divulgativas nas que o alumnado terá oportunidade de coñecer como é o proceso dun documentario de natureza, que equipas de imaxe e son se utilizan ou como se organiza o traballo, ademais de ver “en bruto” algún material xa gravado. As sesións desenvolveranse do 24 ao 28 de novembro, coincidindo co traballo de preprodución do documental no Xistral.

O programa educativo artellado pola Vicepresidencia da Deputación e a produtora Trespés Filmes permitirá así socializar o desenvolvemento do proceso, facendo partícipes do mesmos ás persoas que habitan os lugares onde se grava. “A nosa idea é tamén facer ver ao alumnado o interese que desperta a realidade que eles coñecen de primeira man, e que podan aprender a valorar o seu como unha cultura que enriquece o mundo”, sinalan desde a produtora Trespés Filmes.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “se trata dunha iniciativa coa que apoiamos a produción audiovisual en galego, ao tempo que ofrecemos aos centros educativos a posibilidade de levar ás aulas actividades que consideramos que poden resultar de interese pola súa relación co audiovisual, unha linguaxe moi atractiva e pròxima para as novas xeracions, e co mundo do cabalo, moi presente na súa contorna”.

24 de novembro.
CEIP Antía Cal Vázquez de Muras
CEIP Aquilino Iglesia Alvariñó de Abadín

25 de novembro
CEIP Álvaro Cunqueiro Mora. Mondoñedo

28 de novembro
CEIP Sta María do Valadouro

“Fillas do vento”

O proxecto de documental “Fillas do vento”, dirixido por Adrián Vilas e producido por Trespés Filmes, procura facer un achegamento a un animal totémico como é o cabalo do monte. Galicia é un dos poucos lugares no mundo, senón o único, onde se pode testemuñar a presenza de cabalos salvaxes, en réxime de semi-liberdade nos seus montes de xeito continuado desde os primeiros poboamentos. Isto creou á súa volta un mundo natural, cultural e social onde se xunta o lobo, o territorio, o patrimonio, a memoria, a comunidade. Unha realidade que se artella como unha constelación desde a noite dos tempos. Unha constelación indómita.

Adrián Vilas é un documentalista con anos de experiencia en televisión internacional, incluíndo entre outros a unidade de Historia Natural da BBC, o National Geographic e a Televisión Pública Holandesa. Como apaixoado do mundo cabalar, está involucrado dende hai anos na conservación do cabalo de Pura Raza Galega.

Exit mobile version