Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa mantivo un encontro co Brigada Comandante de Posto e con compoñentes de Seguridade Cidadá da Garda Civil de Ribadeo

Ribadeo, 10 de novembro de 2022. Acisa mantivo un encontro co Brigada Comandante de Posto e con compoñentes de Seguridade Cidadá da Garda Civil de Ribadeo.

O obxectivo da xuntanza “foi darnos a coñecer tras a chegada da nova directiva e achegarlles as inquedanzas das nosas asociadas e asociados, que o que nos pediron nas últimas semanas é que reclamemos unha maior presenza das Forzas e Corpos de Seguridade, especialmente nas zonas de movida durante as fins de semana. Ribadeo podemos dicir, que en liñas xerais, é unha vila tranquila e agardamos que así siga sendo”, sinalou a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.

Os delitos telemáticos a través de internet están a preocupar tamén en Ribadeo: “cada vez son máis as persoas que sofren estafas ou enganos ao realizar compras a través de internet. Tamén se producen pagos en tendas con tarxetas de crédito clonadas. E diso tamén falamos na xuntanza de hoxe e da posibilidade de organizar algunha charla informativa para poder detectar este tipo de delitos e para saber como actuar en cada momento”, explicou Jesús Pérez, o xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.

Cruzado Iglesias agradeceu o encontro, que cualificou como “cordial e comprometémonos a colaborar en todo o que sexa posible”.

Desde a directiva de Acisa insisten unha vez máis “en apoiar ao comercio local facendo as compras nos negocios de Ribadeo, onde atopamos un trato próximo, onde tocamos os produtos, onde falamos coas dependentas e dependentes e cos empresarios e onde todas e todos nos coñecemos. Deste xeito tamén evitaremos sufrir enganos e sustos a través de internet”.

Exit mobile version