As persoas interesadas poden presentar a documentación no Rexistro Xeral do Pazo de San Marcos ou a través páxina web da sede electrónica da institución provincial sede.deputacionlugo.org, tamén está habilitado o número teléfono 982 260 000
Lugo, 28 de novembro de 2022. A Deputación de Lugo abriu este luns o prazo para solicitar algunha das 1.025 prazas do programa Lugo Termal. Nas primeiras horas moitas das persoas interesadas xa fixeron chegar a súa solicitude a través da páxina web da institución provincial ou nas oficinas do Rexistro Xeral situadas no Pazo de San Marcos.
Nesta 12 edición do programa de termalismo, a institución provincial oferta descontos nos tres establecementos termais da provincia: Termas de Lugo, Río Pambre en Palas de Rei e Hotel Balneario Augas Santas de Pantón. Son un total de 650 prazas na modalidade con estancia e outras 375 na de sen estancia.
A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión completa e con carácter xeral haberá 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen, e haberá un recoñecemento médico previo á aplicación das técnicas termais. Haberá 75 prazas en Lugo, 500 en Pantón e 75 en Palas de Rei. Esta alternativa ten un custe máximo de 300€ por persoa e estancia, dos que a Deputación de Lugo farase cargo de 110,50€ de máximo e a persoa usuaria do restante.
A modalidade sen estancia, con 375 prazas, contempla dez días (de luns a venres). Inclúe un mínimo de 30 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen. Neste caso, os participantes benefícianse dun prezo vantaxoso de 200€, gracias aos descontos que ofrece a Deputación. Haberá 100 prazas en Lugo, 150 en Pantón e 70 en Palas de Rei.
As persoas interesadas deberán cumprir cos requisitos de ter máis de 50 anos, estar empadroadas nalgún dos 67 concellos da provincia, valerse por si mesmas, non padecer alteracións do comportamento que afecten á convivencia e carecer de contraindicacións médicas. Está habilitado o número de teléfono 982 260 000 para solicitude de información e a documentación pódese presentar a través do Rexistro Xeral ou da páxina web da sede electrónica da Deputación de Lugo, sede.deputacionlugo.org.
Este ano, o incremento do coste por praza derivado da inflación o asume integramente a institución provincial, que aporta practicamente o dobre que nas pasadas edicións. O que suporá o mesmo desembolso para as persoas solicitantes: 189,5€ na modalidade con estancia e 200€ na modalidade sen estancia.