Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de solicitude de subvencións por concorrencia competitiva de Ribadeo

Ribadeo, 8 de novembro de 2022. Está aberto o prazo para a solicitude de subvencións por concorrencia competitiva, segundo informa a concelleira de Cultura, Pilar Otero Cabarcos. Para este fin o Concello destina unha partida de 4.000 euros.

A edil ribadense contou que “esta convocatoria ten por obxecto o establecemento de axudas económicas para a realización de actividades de natureza cultural, e con carácter xeral, todas aquelas actividades de interese para os veciños e veciñas do concello que representen unha mellora da súa calidade de vida ou na súa cohesión social. Trátase de axudar desde o punto de vista económico, na medida do posible, na organización das moitas e interesantes actividades que diversas asociacións levan a cabo durante o ano no noso concello. A intención desta Concellaría é a de apoiar o tecido asociativo, como se ven demostrando desde hai varios anos”.

Pilar Otero explicou que “destínase para este obxecto, polo tanto, unha partida cun importe total de 4.000 euros. Recordamos que poden solicitar estas subvencións as entidades e asociacións sen finalidade de lucro, domiciliadas en Ribadeo, legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións; as persoas físicas ou colectivos para iniciativas temporais de interese cidadán, sen ánimo de lucro, sempre que, en ambos casos, non teñan recoñecida subvención nominativa nos orzamentos municipais, xa que é sabido que hai entidades e asociacións do concello que xa teñen adxudicada unha cantidade fixa (sempre suxeita á súa debida xustificación) nos orzamentos municipais a través da outra vía de subvención: as chamadas nominativas”.

E engadiu: “o prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte á publicación das bases no BOP de Lugo, é dicir desde o 1 de novembro. Están subidos os modelos de solicitude no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Ribadeo. Para calquera dúbida poden dirixirse á oficina de Cultura do Concello”.

Exit mobile version