Os técnicos de Augas de Galicia informaron de que o proxecto está xa redactado e o obxectivo é aprobalo no primeiro trimestre de 2023, tras rematar a supervisión
Na xuntanza, os técnicos de Augas de Galicia explicaron os detalles construtivos das solucións previstas nos distintos puntos da zona co obxectivo de reducir o risco de inundacións en Xunqueira como consecuencia do río Fontecova, procurando, en todos os casos, incrementar a súa capacidade hidráulica.
Tanto os representantes do Concello de Viveiro como os da Deputación Provincial de Lugo manifestaron a súa conformidade co resultado do traballo de redacción do proxecto construtivo, froito dun acordo entre esas dúas administracións e a Xunta.
Augas de Galicia, o Concello de Viveiro e a Deputación Provincial de Lugo asinaron un convenio de colaboración para cofinanciar a elaboración dun proxecto sobre as actuacións necesarias para minorar o risco de inundación asociado ao río Fontecova, identificada como unha área de risco de especial potencial significativo.
Antes de iniciar a redacción do proxecto, Augas de Galicia elaborou un plan específico para a xestión do risco nese ámbito, no que se analizaron todos os condicionantes existentes na zona e se cuantificou o perigo de enchente asociado aos diferentes escenarios de chuvia posibles. A partir de aí, sinaláronse medidas para reducir ese risco, tanto no plano da prevención e da preparación como de protección, o que require intervencións estruturais.
Foi ese estudo previo o que permitiu analizar os diferentes tipos de solución construtiva para cada un dos eidos nos que se determinou necesario actuar, tendo en conta na avaliación criterios de eficacia, eficiencia e socioambientais.
A través do proxecto elaborado por Augas de Galicia e cofinanciado polas outras dúas administracións, deuse un paso máis, coa definición a nivel construtivo desas medidas estruturais necesarias que hoxe se presentaron en Viveiro.
Os técnicos de Augas de Galicia explicaron que o proxecto está xa concluído e en fase de supervisión na Administración. Está previsto acadar ese paso no primeiro trimestre de 2023 e proceder entón á súa aprobación.
O Concello de Viveiro deberá abordar agora o xeito para o financiamento destas actuacións, que son, fundamentalmente de tipo urbanístico.
O proxecto presentado hoxe divide as actuacións previstas en tres tramos diferentes e prevé acometer actuacións cun investimento total aproximado de 600.000 €.
Así, segundo o proxecto presentado hoxe, no primeiro dos treitos prevese o aumento e a naturalización do cauce do río, ademais da ampliación da sección da ponte. Este treito ten 81,62 metros de lonxitude e comeza 10 metros augas arriba da ponte que se prevé ampliar.
No segundo treito prevese actuar incrementando e naturalizando o cauce e aumentando a capacidade doutra ponte. Trátase de intervir augas abaixo da ponte da estrada LU-540, unha vez superada a seguinte ponte, que é que se amplía. O treito ten unha lonxitude e 85 metros, nunha zona na que o río está confinado entre a rúa Camiño Fonte e as edificacións, que invaden o cauce o a súa zona de servidume pola marxe esquerda.
A actuación non afectará as edificacións, senón que ampliará o cauce abríndoo pola marxe dereita, reducindo para iso o espazo na rúa Camiño Fonte:
O terceiro treito divídese, á súa vez en dous subtreitos. No primeiro deles, situado entre os p.k, 0+085 e 0+144 do río, está previsto o aumento e naturalización do cauce.
Finalmente, no segundo subtreito prevese rebaixar a rasante da marxe dereita do río para o alivio das posibles avenidas. En concreto, prevese rebaixar a rasante da senda paralela ao río en 20 cm e nunha lonxitude de 54 metros.