Os participantes realizaron unha visita guiada ás obras da planta de biorresiduos de Cervo, que dará servizo a un total de 15 concellos
Esta xornada, que se centrou na Mariña lucense e, sobre todo, nos 15 concellos que, en principio, utilizarán a futura planta de biorresiduos de Cervo, tivo como obxectivo dar a coñecer tanto a normativa vixente nesta materia como a operativa a seguir polas entidades locais para implantar a recollida diferenciada da materia orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) a través do quinto contedor.
Durante a inauguración do encontro, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, que estivo acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, lembrou que, aínda que a xestión dos residuos domésticos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá ao carón dos concellos para axudarlles a cumprir coas súas obrigas e cos obxectivos marcados a nivel comunitario.
Nesa liña, Sagrario Pérez puxo como exemplo desta colaboración que a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais ten entre os seus obxectivos garantir que a gran maioría dos 295 concellos adscritos a Sogama dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
A maiores, os participantes na xornada puideron coñecer a experiencia dos concellos de Carballo e A Laracha, pioneiros na implantación do contedor marrón, no proceso de instauración deste quinto contedor, as limitacións coas que se atoparon e como as superaron así como o desenvolvemento de campañas de concienciación social.