O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que as actuacións inclúen a mellora do pavimento, a colocación de valos de madeira ou barreiras de seguridade e a instalación de sinalización que advirte de perigo pola presenza de peóns
A Fonsagrada, 11 de novembro de 2022. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar actuacións de reforzo da seguridade en catro puntos do Camiño Primitivo ao seu paso pola Fonsagrada que conflúen coas estradas autonómicas LU-530 E LU-701. O investimento total ascende a 59.300 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado de persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas, comprobou hoxe as obras que se acometen á altura do pq 54+270 da LU-530, nas proximidades do Piñeiral.
Os traballos abranguen un treito duns 200 metros e inclúen a roza das marxes, a mellora do pavimento do Camiño en todo ese percorrido e a instalación dun valo de madeira.
Outra intervención prevista na LU-530 comezará os vindeiros días na zona de Paravella (pq 42+140). Neste punto acondicionarase o firme, dotarase a ruta xacobea dun pavimento de pedra e colocarase un bordo de formigón.
Arias explicou que ademais están en execución actualmente obras de mellora nun treito do Camiño que transcorre paralelo á LU-701 na zona de Paradanova, á altura do pq 2+280. Neste caso tamén se reforzará o pavimento e colocarase unha barreira de seguridade.
Ademais, as actuacións propostas na Fonsagrada inclúen a instalación de sinalización que advierte de perigo pola presenza de peóns nun cruzamento da LU-701 coa ruta xacobea situado á saída da localidade en dirección Asturias.