Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta insta ao goberno central a acatar o criterio da Unión Europea e adaptar o nivel de protección do lobo á súa realidade actual

Galicia esixe que se derrogue a orde ministerial que cataloga o lobo como unha especie incluída na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022. A Xunta de Galicia insta ao Goberno central a acatar o criterio da Unión Europea con respecto do status do lobo e adaptar canto antes o seu nivel de protección á realidade actual da especie ao norte do río Douro, co fin de poder mitigar e actuar de forma efectiva ante o impacto que provoca sobre o medio rural en xeral e a gandaría extensiva en particular.

Tras os contactos mantidos entre os gobernos das principais comunidades lobeiras do país nos últimos meses con representantes de diferentes institucións europeas e eurodeputados, o pasado 24 de novembro a Eurocámara aprobou unha resolución —por unha ampla maioría de 306 votos a favor— na que instaba á Comisión Europea a tomar medidas para flexibilizar a situación actual de estrita protección do lobo e trasladar este acordo ao conxunto dos Estados membros, incluído, por suposto, España.

A resolución comunitaria vai precisamente na liña defendida por Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias —que concentran o 95% dos exemplares de todo o país— desde que en setembro do ano pasado o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) decidiu, de forma unilateral e sen fundamento científico, incluír todas as poboacións de lobo ibérico de España na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

Por iso, Galicia celebra a decisión adoptada en Estrasburgo xa que, ao igual que o resto de comunidades lobeiras, considera que lle dá a razón no seu rexeitamento ás últimas medidas adoptadas polo Executivo central con relación á xestión desta especie ao entender que poñen en perigo o equilibrio e a convivencia harmónica entre estes animais e as actividades agrogandeiras coas que comparten territorio.

Así mesmo, cómpre subliñar tamén que despois da resolución adoptada polo Parlamento comunitario a semana pasada, a presidenta da Comisión Europea (CE), Úrsula van der Leyen, remitiu unha carta aos eurodeputados que se interesaran en outubro polo tema a raíz da inquedanza transmitida polos catro conselleiros españois.

Na mesma, Úrsula van der Leyen amósase comprensiva ante a preocupación trasladada con relación aos ataques e conflitos que pode xerar o lobo en determinadas zonas ante as limitacións existentes polo seu actual nivel de protección.

Ademais, tamén traslada que xa deu instrucións aos servizos da propia CE para que analicen en profundidade os datos sobre a situación actual do lobo no territorio da UE e recoñece a posibilidade de que os estados membros apliquen a nivel local as medidas de xestión que vexan necesarias ou consideren derrogar as prohibicións derivadas do estrito nivel de protección do que goza esta especie co fin de prever danos graves.

Neste sentido, a Xunta esixe que, tendo en conta a resolución aprobada pola Eurocámara e mais a carta da presidenta da CE, o Goberno central derrogue canto antes a orde ministerial que cataloga o lobo como unha especie en réxime de protección especial, tendo en conta que esta inclusión supón ir na práctica máis alá do esixido pola propia directiva europea e que atenta contra a protección do medio rural e a supervivencia das actividades económicas tradicionais ligadas ao mesmo, tendo en conta o papel que xoga o sector gandeiro para dinamizar o territorio e contribuír á conservación dos hábitats e da biodiversidade.

Exit mobile version