Está promovido polos concellos da Pontenova, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada, e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 504.000 euros
A Pontenova, 3 de novembro de 2022. Hoxe deu comezo o obradoiro de emprego Eo-Navia III, no que participan 20 traballadores desempregados que se formarán na especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. O acto de apertura contou coa presencia do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, os alcaldes da Pontenova, Darío Campos, e Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, e o tenente de alcalde da Fonsagrada, José Ángel Fernández.
O proxecto está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 504.000 euros, cos que se sufragan -entre outros conceptos- os contratos dos alumnos traballadores e do persoal do obradoiro. O obxectivo, segundo apuntou Arias, é proporcionarlles “formación teórica e práctica e experiencia laboral que facilite a súa incorporación ao mercado laboral, ben en empresas do sector ou como emprendedores”.
Paralelamente, aplicarán tratamentos silvícolas en espazos públicos dos tres municipios, limpando e acondicionando máis dun cento de camiños e pistas que dan acceso a núcleos de poboación, fincas agrícolas e diversos servizos.
Os tres concellos repiten experiencia por segundo ano consecutivo, xa que na pasada edición compartiron un obradoiro orientado a actividades auxiliares de carpintaría, tamén financiado pola Xunta con 362.000 euros.
Este é un dos últimos talleres que restaba por poñer en marcha dos 21 financiados pola Xunta na provincia na última convocatoria, que presenta como principal novidade a ampliación de nove a doce meses. En total, suman un investimento global de 10,7 millóns de euros, benefician a 57 concellos e supoñen a contratación de 420 traballadores desempregados.
Na Mariña desenvólvense seis obradoiros, que implican a 17 concellos da comarca e da contorna. O investimento da Xunta supera os 3 millóns de euros e asináronse máis de 120 contratos, entre os alumnos traballadores, monitores e persoal directivo.