Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta avanza na redacción do anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia co obxectivo de presentalo antes de que remate 2022, así o anunciou este venres en Celeiro a conselleira Ángeles Vázquez

Ángeles Vázquez considera que é vital acadar unha correcta ordenación do territorial, na que se combine a protección ambiental e o desenvolvemento económico do sector pesqueiro

Viveiro, 25 de novembro de 2022. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou, esta mañá, que a Xunta avanza na redacción do anteproxecto da Lei de ordenación do litoral do Galicia co obxectivo marcado de presentar o texto antes de que remate 2022 para que poida ser sometido a debate e aprobación no Parlamento o vindeiro ano.

Durante a súa participación nas XXVI Xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro de Celeiro, a conselleira destacou o dobre obxectivo desta nova normativa: regular a franxa litoral desde Galicia en base a unha tripla perspectiva -ambiental, social e económica- e dar seguridade xurídica aos titulares de instalacións en dominio público marítimo terrestre (DPMT), definindo as actividades que pode albergar cada tramo costeiro.

É vital acadar unha “correcta ordenación do territorial”, na que se combine a protección ambiental e o desenvolvemento económico do sector pesqueiro, engadiu Ángeles Vázquez, quen incidiu na importancia de que a costa debe ser regulada por quen mellor a coñece, que son a propia Comunidade e os axentes económicos que traballan no litoral, que saben da súa potencialidade e das súas necesidades ambientais.

Nesa liña, o Goberno autonómico quere resolver cunha norma propia e adaptada á realidade galega os problemas que está na provocar as últimas medidas e reformas normativas aprobadas polo Executivo central desde 2018 co fin de impoñer unha interpretación cada vez máis restritiva da Lei de costas.

Recurso contra a reforma do Regulamento de costas
Neste sentido, cómpre lembrar os cambios introducidos na duración das concesións no dominio público a través da Lei de cambio climático, ou a modificación este verán do Regulamento de costas, que elimina na práctica a posibilidade de prórroga extraordinaria para as industrias do mar.

De feito, Galicia recorreu ante o Tribunal Supremo a devandita reforma regulamentaria porque limita, condiciona e mesmo vulnera dereitos recoñecidos pola lexislación de costas a través dunha norma de rango inferior. Trátase dun recurso que vai en defensa dos intereses de Galicia xa que esta modificación limita os dereitos recoñecidos legalmente a particulares, empresas e outros titulares de concesións no DPMT, así como as propias competencias autonómicas no litoral.

Ademais, a conselleira lamentou que as últimas actuacións do Goberno central só teñan o obxectivo de eliminar calquera vestixio de actividade humana na costa sen avaliar as súas consecuencias económicas e sociais. Segundo os cálculos da Xunta, hai 4.000 edificacións públicas ou privadas en DPMT que están en perigo e, ademais, tal e como explicou Ángeles Vázquez, xa se están a paralizar algúns investimentos por mor dos vaivéns regulamentarios que se están producindo nos últimos anos.

Así, nos 9 concellos da provincia lucense o Instituto de Estudos do Territorio identificou como afectadas: 247 edificacións de carácter privado, 57 inmobles empresariais ou industriais, 9 instalacións deportivas e 1 cemiterio.

Loita contra o cambio climático
Durante o seu relatorio A modificación do regulamento xeral de Costas e a súa adaptación á Lei de cambio climático, a conselleira tamén fixo fincapé no traballo que está a realizar o Goberno galego para garantir a sostibilidade dos recursos e loitar contra os perigos aos que se enfronta o sector pesqueiro, como o aumento do nivel medio do mar, o incremento da temperatura superficial do mar, a acidificación ou os cambios das ondadas e mareas meteorolóxicas.

Precisamente para loitar contra os efectos do cambio climático, a Xunta puxo en marcha xa en 2019 a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na actualidade está a traballar na elaboración da que será a primeira Lei do clima de Galicia e no desenvolvemento da Alianza galega polo clima, unha iniciativa que conta xa con máis de 30 entidades adheridas e “na que esperamos contar coa experiencia e apoio das empresas e organismos relacionados co sector pesqueiro”, concluíu a conselleira.

Exit mobile version