Site icon Crónica3.com A Mariña

A vindeira etapa do “Camiño Gastronómico do Mar” será este domingo entre Cervo e Xove

Burela, 21 de novembro, 2022. O vindeiro domingo 27 de novembro celebrarase a terceira das 4 etapas do “Camiño Gastronómico do Mar 2022”, que organiza a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.

Esta fin de semana celebrouse a segunda etapa, na que máis de 30 persoas percorreron o tramo do Camiño do Mar que une a Basílica de San Martiño, en Foz, coa Igrexa da Vila do Medio, en Burela: uns 21 km de camiñada que terminaron na praza de abastos de Burela, onde agardaba aos peregrinos unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo de chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrela Galicia.

Os chefs Bruno Pena e Juan Rubiños ofreceron receitas de peixe sapo e pescada do pincho de Burela, en representación das frotas burelenses de litoral e de altura, respectivamente: “Ensaladilla de rape alangostado e salsa holandesa” e “Potaxe de temporada con Merluza do pincho de Burela e carne de porco”.

Para participar na seguinte etapa do “Camiño Gastronómico do Mar 2022”, que durante catro fins de semana está a percorrer os oito concellos da costa lucense polos que pasa o Camiño do Mar, é necesario inscribirse antes de cada xoves na web da asociación (https://www.asocaminodelmar.com/acciones/camino-gastronomico).

O domingo 27 pola mañá completarase un tramo dun 16 km do “Camiño do Mar” que transcorre polos concellos de Cervo e Xove, desde o paseo dos namorados, en pleno conxunto histórico-artístico de Sargadelos, ata o pavillón municipal de Xove, cunha nova degustación gastronómica de “Peixe de Burela”.

Ademais, os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar 2022” poderán selar en cada concello a súa particular “Compostela” e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearase unha cea para dúas persoas nun dos restaurantes que a Asociación Cociñeiros Lugo ten na Mariña.

Esta campaña, que conta coa colaboración dos concellos polos que discorre a ruta e de Armadores de Burela, enmárcase dentro das accións de promoción da OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca; e serve un ano máis para fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.

Exit mobile version