Efrén Castro asistiu á presentación do vehículo co que o piloto meirego correrá o rally do deserto, do 31 de decembro ao 15 de xaneiro
Lugo, 25 de novembro de 2022. O deputado de Deportes Efrén Castro asistiu este mediodía á presentación do vehículo co que Sergio Vallejo e Mario G. Tomé participarán no Dakar 2023, do 31 de decembro ao 15 de xaneiro.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo é o principal patrocinador institucional do proxecto deportivo do piloto meirego, que tras moitos anos nos rallyes de velocidade, abre unha nova etapa na súa carreira deportiva.
Durante o acto, no que se escubriu o aspecto do Century Racing CR6 co que disputarán o rally, Efrén Castro lembrou que “a traxectoria de Sergio Vallejo creou moita afección ao automobilismo en Lugo” e sinalou que “o proxecto supón un fito para o deporte lucense xa que por primeira vez participa no Dakar un coche con piloto e copiloto lucenses na categoría T1”.