Na apertura da xornada, que tivo lugar no salón de actos de Armadores de Burela, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, agradeceu ao sector pesqueiro local a súa constante participación en diferentes proxectos, axudando a comunicar mellor á sociedade o seu traballo e a gran importancia que ten o sector pesqueiro comarcal.
Empezando coa aplicación da Obrigación de Desembarque na xestión pesqueira nacional e europea, Juan Antonio Espello, xefe de servizo de Augas Comunitarias, acompañado por Estela Aparicio, xefa de servizo técnico na área do Atlántico da Subdirección Xeral de Caladoiro Nacional e Augas UE do MAPA, presentou o borrador de Acto Delegado para 2023, explicando detalladamente as exencións e flexibilidades do novo plan de descartes.
Centrouse en explicacións para as frotas de Gran Sol (augas noroccidentais) e de litoral (suroccidentais) sobre exencións de alta supervivencia ou mínimis, así como en flexibilidades inter-especies.
Na súa presentación sobre “Datos, Ciencia e Xestión Pesqueira”, o xefe de área de pesqueiras do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Pablo Abaunza, expuxo como debe funcionar o “ciclo de información pesqueira” para lograr a sustentabilidade. Desde o seu punto de vista a pesca é un mundo complexo, moi dinámico e en continua retroalimentación; explicando que a recollida de datos pretende responder a tres cuestiones: o por que, o que e o como.
Finalmente, Xulio Valeiras, do Instituto Español Oceanografía e coordinador do estudo SELECTLUGO sobre a mellora da selectividade na frota de arrastre de litoral de OPP Burela. Presentou os resultados deste proxecto, que en 2022 se realizou en campaña da xarda e que vén completar o iniciado o ano anterior coas especies de fondo. Durante este ano realizáronse observacións en 52 lances de pesca durante tres semanas de marzo e abril, obtendo datos para o lirio, a cabala e o xurelo. Grazas a estas dúas campañas obtivéronse evidencias científicas actualizadas para a frota de arrastre de litoral, datos que están dispoñibles para SEGEPESCA e a Comisión Europea a través do STECF.
A xornada finalizou cunha degustación gastronómica de especies con alto potencial de comercialización, como a bertorella, a cabra de altura, o congro, a pota, a maruca ou a maruca azul (peixe pau), servindo como exemplo de aproveitamento gastronómico e valorización de produtos pesqueiros.
Esta actividade, que se realiza en colaboración con ABSA, enmárcase no plan de produción e comercialización anual de OPP Burela e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o FEMP.