A institución provincial financia integramente con máis de 225.000€ esta importante actuación, grazas á que os veciños e veciñas terán un novo espazo público de convivencia máis amplo, acolledor e accesible
Lugo, 7 de novembro de 2022. A Deputación de Lugo ultima as obras de humanización da Praza da Galeguidade de Muras co estendido do formigonado. Esta actuación comezará o vindeiro mércores, 9 de novembro, e alongarase durante 15 días, o que obrigará ao corte da vía durante este período, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan. Tendo en conta que os traballos comezaron o pasado mes de agosto, cumprirase co prazo de execución establecido, de tres meses, se todo vai sobre o previsto.
A institución provincial financia integramente con máis de 225.000€ esta actuación, a través dun convenio de colaboración co Concello de Muras. Grazas a estas obras, os veciños e veciñas da localidade contarán cun novo espazo de convivencia, no que terán un maior protagonismo os peóns e que calmará o tráfico da zona.
O proxecto inclúe a configuración dunha única plataforma de pedra e formigón que une as fachadas dos edificios coa Alameda da Praza da Galeguidade, polo que se unifican estas dúas zonas e poderán transitar tanto os vehículos como os peóns. Elimínanse tamén os banzos actuais para mellorar en accesibilidade.
Ademais, esta obra serviu para renovar as subministracións públicas, como a rede de abastecemento de auga, de pluviais, de enerxía eléctrica e de telecomunicacións. Así mesmo, esta zona dotarase de novo mobiliario urbano que ofreza unha maior comodidade para a veciñanza. O último paso será a instalación de luminarias, que se levará a cabo unha vez se remate o formigonado.
Unha vez finalizados os traballos, a rúa Apóstol Santiago modificará a súa actual bidireccionalidade, converténdose nunha estrada de dirección única en sentido ao Concello. Quedará prohibido o acceso á nova contorna dos vehículos que circulen en sentido ao Concello dende a rúa José Ramón Puentes.
O financiamento das obras de humanización da Praza da Galeguidade, que fará deste entorno un espazo público máis amplo, acolledor e accesible, forma parte da liña de colaboración da Deputación de Lugo cos 67 concellos a provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas aos seus veciños.