O Deputado de Participación Cidadá asistiu este xoves á inauguración das XXVI Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro, promovidas pola OPP Porto de Celeiro e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo
Lugo, 24 de novembro de 2022. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu este xoves á inauguración das XXVI Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro, no concello de Viveiro, unha cita de referencia para o sector da pesca na provincia e en toda Galicia, promovida pola OPP Porto de Celeiro e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo da localidade. O foro desenvolverase ata o vindeiro sábado cun amplo programa composto por 25 relatorios.
Roberto García Pernas felicitou ós organizadores por este foro “que se ten consolidado nestes anos de traxectoria como unha cita de referencia para o sector”, e no que se abordarán asuntos de calado e de actualidade, como a decisión da Unión Europea “de impoñer vetos á pesca de fondo nos caladoiros do Atlántico”. Unha decisión, recalcou García Pernas, que é “inxustificada, adoptada sen contar con información actualizada e de costas ás comunidades que viven do mar e para o mar”.
O Deputado valorou que esta determinación europea “mereceu o rexeitamento xeral do sector e das forzas políticas e institución galegas”.
Neste senso, García Pernas subliñou o compromiso da Deputación co tecido produtivo da provincia, do que subliñou “a pesca é un elemento fundamental, polo seu impacto socioeconómico na comarca da Mariña, e tamén pola forza dos seus produtos de alta calidade á hora de consolidar unha oferta gastronómica e turística moi atractiva”. Por iso, engadiu, “seguiremos defendendo os intereses do sector e respaldando citas como estas xornadas, que serven para expoñer o que é hoxe o mundo do mar, as súas potencialidades e, por suposto, as súas lexítimas demandas”.
Xunto ao Deputado, no acto de apertura das XXVI Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro, participaron José Novo Rodríguez, presidente de Porto de Celeiro; Domingo Rey Seijo, Patrón Maior da Confraría de Celeiro; Jesús Fernández Fernández, primeiro tenente de Alcaldesa de Viveiro, Javier Arias Fouz, Delegado da Xunta en Lugo, e o xornalista Xusto López Carril.
Un foro clave para o sector
As xornadas contan cun amplo programa composto por 25 relatorios de expertos de primeiro nivel no sector pesqueiro, que analizarán os desafíos actuais da flota para aportar solucións. Entre os asuntos de interese que centrarán o debate destacan temas de calado e de actualidade como a financiación, a xestión marítimo-pesqueira e portuaria, así como o impacto da eólica mariña na pesca, e a Política Pesqueira Común (PPC).