Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación proxecta en Xantar a provincia como destino enogastronómico e turístico

A institución provincial conta un ano máis cun espazo propio neste evento único no calendario de feiras comerciais internacionais que dedicará o sábado á provincia de Lugo

Lugo, 9 de novembro de 2022. O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, José María Arias Fernández, participou na mañá deste mércores na inauguración do 23º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2022, que exhibe dende hoxe ata o domingo en Ourense a calidade gastronómica e o turismo sostible e saudable fusionando tradición e innovación dos territorios de Galicia.

A Deputación conta un ano máis cunha destacada presenza neste evento internacional, único no calendario de feiras comerciais internacionais, a través dun espazo propio cun expositor dende o que se proxectará o potencial da provincia como destino enogastronómico e turístico.

Arias Fernández destacou a importancia de contar cun espazo reservado neste salón internacional, que dedicará o sábado día 12 á provincia de Lugo, o que supón “un gran escaparate mundial para achegar a un maior público a calidade e identidade dos nosos produtos gastronómicos, así como a diversa oferta turística que ofrece a nosa provincia”. Uns obxectivos, “que forman parte da aposta da institución para potenciar o sector turístico como motor económico dos concellos a través dun modelo de calidade, sostible, de experiencias, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, e que pon en valor o paisaxe, o patrimonio, as costumes e a gastronomía”, apuntou.

Neste senso, lembrou iniciativas impulsadas pola Deputación, como os premios á excelencia turística e gastronómica de empresas e entidades lucenses; as xornadas de gastronomía e lecer Saborea a túa Provincia; rutas polo románico; actividades de turismo de aventura e deportivo; actividades fluviais; a promoción da provincia como plató de cine; ou o programa de viaxes gratuítas para entidades asociativas Coñece a túa Provincia.

5 días de intensa actividade
O Salón Internacional de Turismo Gastronómico ofrece no recinto feiral de Expourense cinco días de intensa actividade orientados tanto a profesionais como a público en xeral. O programa inclúe showcookings de cociña en directo cos mellores chefs, catas comentadas, maridaxes, degustacións, así como conferencias de expertos e presentacións de produtos innovadores.

Estes días, daranse cita no evento empresas de restauración, produtores e entidades públicas e privadas nacionais e internacionais, que ofrecerán ao visitante unha viaxe entre aromas, texturas e sabores dos destinos enogastronómicos máis punteiros de España, Portugal e Iberoamérica.

Exit mobile version