A institución mellora a LU-P-1510, a vía máis directa de comunicación entre Burela e Cervo, e moi utilizada pola veciñanza e polos visitantes porque discorre paralela á costa, dá acceso a diferentes praias e servizo ao polígono industrial de Cuíña
Lugo, 5 de novembro de 2022. A Deputación de Lugo vén de comezar os traballos de renovación do firme e da sinalización da totalidade da LU-P-1510, coñecida como estrada da Marosa. A institución provincial destina un investimento de preto de 125.000€ para mellorar as condicións de comodidade e seguridade dos 9 quilómetros de lonxitude da vía, a conexión máis directa entre os concellos de Cervo e Burela, e moi utilizada pola veciñanza e polos visitantes porque discorre paralela á costa, dá acceso a diferentes praias e servizo ao polígono industrial de Cuíña.
En concreto, o proxecto contempla a reapertura de cunetas, drenaxe, limpeza, fresado nas zonas da vía que presenten algún tipo de fisura, pavimentación con aglomerado en quente, reforzo do firme na zona do polígono e sinalización mediante marcas reflexivas brancas.
A mellora da mobilidade na provincia é unha prioridade da acción de Goberno marcada polo Presidente, José Tomé Roca, tal e como demostra que un terzo do Orzamento da institución está dedicado á mellora de vías provinciais e municipais. Estas obras son significativas xa que as actuacións redundarán directamente no obxectivo que se marca a institución de camiñar cara o equilibrio territorial, un factura imprescindible para o desenvolvemento da provincia de Lugo.