Rosa Quintana subliña que a pesca é unha actividade respectuosa co medio ambiente e fundamental para abastecer á cidadanía de alimentos saudables da máxima calidade
Burela, 8 de novembro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a importancia de protexer os ecosistemas mariños vulnerables de xeito rigoroso, en base a datos científicos serios e tendo en conta tanto os aspectos medioambientais como os socioeconómicos. Xusto o que non fixo, dixo, a Comisión Europea co veto á pesca de fondo, pois estableceu unha prohibición totalmente arbitraria unicamente en base a un informe sobre os efectos do arrastre, sen avaliar artes como a volanta ou o palangre.
A titular de Mar asegurou durante a súa participación na clausura da Interfederativa de Confrarías do Cantábrico-Noroeste 2022 que a frota galega comparte a necesidade de protexer os fondos mariños, pero de xeito equilibrado e proporcionado. Neste sentido, lembrou que Galicia comezou a traballar xa en 2020 na busca de argumentos contra esta medida ao comprobar que a Estratexia de Biodiversidade deseñada por Bruxelas atribuía á pesca a maioría dos males que afectan aos mares e océanos.
Desde ese momento a Xunta mantivo distintos encontros co sector, con outras comunidades autónomas e rexións europeas afectadas e elaborou informes para mostrar a actividade sustentable que realiza a frota galega e o posible impacto que terían as restricións á pesca na economía galega.
Esas consecuencias, lamentou a representante do Executivo galego, xa están a verse trala entrada en vigor do veto á pesca de fondo, polo que reiterou unha vez máis ao Goberno central a urxencia de recorrer o regulamento de execución aprobado pola Comisión Europea e solicitar a súa suspensión temporal.
A conselleira incidiu en que apenas quedan dez días de prazo para que o Estado presente o recurso e que, polo momento, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación non trasladou ningunha información de xeito oficial sobre os pasos que vai dar nin dos argumentos que vai empregar para fundamentar o recurso. Non obstante, dixo, a comunidade apoia con total lealdade ao Goberno central como demostrou coa entrega hai varias semanas dun documento xurídico coa base para sustentar o recurso, un informe que tamén foi remitido ás asociacións de armadores para que poidan reforzar as súas demandas individuais.
Rosa Quintana expuxo que o impacto do veto á pesca de fondo se está a demostrar especialmente en frotas como o palangre, que se ve desprazado de zonas de pesca que eran habituais a outras nas que xa hai outras artes faenando, o que xera un solapamento das áreas de traballo e a sobreexplotación dos recursos.
A titular de Mar, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, salientou que o veto decretado por Bruxelas supón un ataque totalmente arbitrario contra unha actividade respectuosa co medio ambiente -con baixa pegada de carbono e nula pegada hídrica- e fundamental para abastecer á cidadanía de alimentos saudables e da máxima calidade.
Por iso, agradeceu á Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo a celebración desta Interfederativa pois permite que tanto representantes do sector como das administracións aborden aspectos da máxima actualidade e poñan en común os retos aos que se enfronta a actividade extractiva galega e española.
A VIII Interfederativa
A Interfederativa de Confrarías do Cantábrico Noroeste 2022, celebrada baixo o título Reflexións sobre a pesca artesanal, abordou entre onte e hoxe distintas cuestións de interese para a frota como os espazos mariños vulnerables, o xurelo, as titulacións, as tramitacións por vía electrónica, o novo regulamento das organizacións de produtores pesqueiros ou o novo plan de xestión da anchoa.
Este encontro, organizado desde 2015 pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, pretende debater os principais temas de actualidade para as confrarías de pescadores do Cantábrico-Noroeste, unir esforzos e atopar solucións aos retos que se encontra o sector no seu día a día.