Rosa Quintana insistiu en que o veto á pesca de fondo difire do equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais que defende a Política Pesqueira Común, que encomenda abordar o establecemento de áreas mariñas protexidas atendendo a estudos científicos
Entre eles mencionou a descarbonización e transición enerxética cara a alternativas viables de combustible. Unha cuestión, incidiu, que se debe abordar de forma xusta, equilibrada e asumible. Tamén fixo referencia á protección dos ecosistemas mariños vulnerables, cuestión que se debe abordar tendo en conta o impacto na actividade marítimo-pesqueira.
En relación con este último asunto, durante a súa intervención relacionada co futuro da pesca en Galicia ante os retos da Unión Europea, Rosa Quintana puxo de relevo o caso do veto á pesca de fondo establecido pola Comisión Europea pois difire da necesidade de equilibrio entre os aspectos medioambientais e socioeconómicos que defende a Política Pesqueira Común (PPC). Neste sentido, a conselleira engadiu que a PPC encomendaba abordar o establecemento de áreas mariñas protexidas atendendo a estudos científicos.
Ademais destacou as aportacións realizadas pola comunidade galega ao Goberno central para fundamentar o recurso interposto ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Con todo, tamén insistiu en que Galicia considera necesario que solicite a suspensión temporal desta prohibición pois sería un bo respaldo para o sector e evitaría consecuencias como a caída de arredor do 50% nas descargas da frota e de máis do 20% no caso da facturación que reflicten os datos provisionais sobre o primeiro mes de restricións.
En canto á PPC, a titular de Mar detallou os cinco eixos estratéxicos que defende o ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca de cara a posible revisión desta folla de ruta da pesca europea. Estes son: a aposta pola remuda xeracional, o comercio pesqueiro xusto, unha pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.
A maiores, Rosa Quintana puxo en valor a importancia social e económica da actividade marítimo-pesqueira e o seu papel clave na economía. Nesta liña, lembrou que o sector do mar ten un volume xeral de produción e comercialización duns 9.000 millóns de euros, segundo reflicten as Táboas input-output pesca-conserva galegas 2019, elaboradas por encargo da Xunta ao grupo de investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais Ecopesca da Universidade de Santiago de Compostela. Estas táboas tamén dan conta, engadiu a conselleira, da influencia do sector do mar no resto de actividades da economía pois 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro.
As xornadas
As xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro son unha iniciativa da Organización de Produtores Pesqueiros de Celeiro (OPP-77), a Confraría de Pescadores e Puerto de Celeiro. Están dirixidas principalmente a axentes relacionados co mundo do mar e a pesca, entre eles, profesionais do sector pesqueiro, lonxas, exportadores, empresas de distribución e produción, administracións públicas, investigadores e científicos, estudantes e tamén ao público en xeral. Deste xeito, funciona como foro para abordar a actualidade e intercambiar opinións sobre a realidade marítimo-pesqueira.