Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro súmase ao Día Mundial do Cancro de Mama con varias actividades de concienciación

Viveiro, 19 de outubro. O Concello de Viveiro vólcase coa celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama con varias iniciativas que buscan chamar a atención sobre a enfermidade tumoral máis frecuente e a primeira causa de morte por cancro en mulleres europeas.

A prevención e a investigación salvan vidas. É unha loita de todos polo que dende o Concello de Viveiro queren estar preto das que sofren a enfermidade e dos que traballan por erradicala.

Un ano máis, a porta de Carlos V tinguirase de rosa durante toda esta semana coma xesto de agarimo e ánimo para todas as mulleres que padecen cancro de mama así como para as súas familias.

“É moi importante que os veciños tomen conciencia da importancia de aumentar os recursos tanto no ámbito da prevención como das terapias. Sumámonos á loita de todas as mulleres e enviámoslles unha agarimosa aperta para superar o día o día”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Ademais, o Concello de Viveiro súmase a campaña que puxo en marcha por oitavo ano Ecovidrio co gallo da celebración do Día Mundial do Cancro de Mama.

Baixo o lema: ‘Prometo cuidarme’, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión do reciclado dos residuos de envases de vidrio en España da man da Fundación Sandra Ibarra busca acadar fondos para a investigación desta enfermidade, a través do que se recaude mediante os 400 contenedores rosas instalados en 170 cidades de España.

Dende hoxe e durante as próximas semanas, un iglú rosa estará ubicado en Viveiro para que Ecovidrio transforme os envases de vidrio depositados nunha donación á Fundación Sandra Ibarra.

Exit mobile version