Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro recibe a un grupo de erasmus que participa nun intercambio co IES María Sarmiento para traballar nun proxecto sobre o cambio climático

Viveiro, 17 de outubro de 2022. O Concello de Viveiro recibiu hoxe a un grupo de profesores e alumnos que estarán no municipio ata o domingo, dentro dun programa Erasmus no que participa o IES María Sarmiento.

Á recepción, na que estiveron a alcaldesa, María Loureiro, e o tenente de alcalde, Jesús Fernández, asistiron dous profesores do IES María Sarmiento, 8 profesores dos IES do estranxeiro e os 16 alumnos do intercambio, procedentes de Chequia, Eslovaquia, Portugal e Italia.

Forman parte dun proxecto, no que tamén participa o IES María Sarmiento, sobre o cambio climático que se chama ‘Protege la tierra, salva la vida’. Dentro do cambio climático, durante cada un dos intercambios van tratando un tema concreto e no caso de visita a Viveiro o tema sobre o que van traballar é a auga.

“Quero desexarvos en primeiro lugar unha feliz estancia en Viveiro, somos un pobo acolledor no que ademais do programa educativo teredes tempo para desfrutar da nosa natureza, coñecer a nosa historia e saborear a nosa gastronomía”, manifestou María Loureiro.

“Quero aproveitar esta ocasión para felicitar a toda a comunidade educativa de Viveiro polo seu traballo diario, en especial ao equipo docente do IES María Sarmiento, hoxe aquí representado; unha felicitación que fago extensiva aos mestres e mestras dos centros educativos de Chequia, Eslovaquia, Portugal e Italia, e por suposto a vos, os alumnos e alumnas, que sodes sen ningunha dúbida os principais protagonistas desta experiencia”, apuntou a alcaldesa.

“Á marxe dos coñecementos académicos, esta experiencia é unha fiestra aberta ao coñecemento, o diálogo, a diversidade e o respecto, uns valores moi necesarios na sociedade actual que o Concello de Viveiro intenta ter sempre presente. Estes valores chegan da man dunha relación entre pobos e países amigos, e profundizar neles é unha das mellores virtudes dun Erasmus”, rematou Loureiro.

Exit mobile version