O alcalde, Fran Cajoto, indica que “o Concello de Foz avanza. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, é o concello mariñao que máis medra en poboación -tanto en números absolutos como en termos porcentuais- e fontes do Concello falan xa de máis de 10.400 habitantes censados. En dúas Xuntas de Goberno Local o Concello de Foz concedeu licencias para a construción dunha nova nave para a reparación de maquinaria forestal de máis de 550.000 euros de orzamento de execución material e preto de 2.500 metros cadrados de superficie edificada e para un novo hotel nun edificio existente na rúa Asteleiros. A nave estará ubicada na Granda, anexa ao parque empresarial ao suroeste do polígono de Fazouro e contará cunha nave principal de 81×20 metros e unhas oficinas anexas de 162 metros cadrados de superficie”.
O concelleiro de Turismo, Chema Linares, destaca as consecuencias positivas dun novo hotel: “Foz conta con vivendas de uso turístico, pero quizais andabamos escasos de prazas hoteleiras, que ademais se relacionan cun turismo de maior calidade. Desde o Concello estamos traballando para que máis xente nos veña visitar fóra da tempada de verán, no que temos a sorte de practicamente colgar o cartel de completo. Fomentamos que a hoteis e negocios en xeral lles sexa rendible abrir durante todo o ano: por iso xerar eventos de todo tipo en tempada baixa, como o Entroido ou a actividade propia do Nadal é unha gran idea”.
O alcalde resalta o potencial industrial de Foz e de toda a comarca da Mariña: “industria forestal e turismo son dous piares que están en auxe e que se demostran con estas dúas iniciativas de capital privado. Foz está no centro da comarca, está ben comunicado aínda que teñamos pendentes a autovía e a VAC Costa Norte, e conta cunha infraestrutura fundamental de fibra óptica en todo o territorio. Temos grandes empresas de envasado de peixe e loxística e hai ben pouco rematouse un centro de venda de alimentación para profesionais -Cash Record- cunha inversión de 700.000 euros de orzamento de execución material. Estamos satisfeitos con esta tendencia positiva, pero non podemos perder ningunha oportunidade. En torno ao sector forestal podiamos crear moitísimo valor engadido, pero a Xunta traizoou a promesa que lle fixera á Mariña coa planta de fibras téxtiles de Altri e quixo afastar a fábrica do centro de produción do eucalipto, o que contravén toda lóxica empresarial: un erro e unha auténtica mágoa”.
Alcalde e concelleiro de Turismo desexan a maior das sortes a estas dúas iniciativas e animan a sectores públicos e privados a investir en Foz.