José Tomé Roca participou nun encontro de debate e reflexión sobre as políticas en materia de igualdade que están desenvolvendo os gobernos provinciais en España, organizado este xoves na Casa das Artes de Vigo no seo da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da FEMP
José Tomé, que creou neste mandato a área provincial de Muller e Igualdade, defendeu o papel que teñen as institucións provinciais para favorecer a igualdade efectiva entre mulleres e homes. “Nos últimos anos avanzamos, pero temos aínda moito camiño por percorrer, e nese camiño, as Deputacións somos unha administración fundamental para desenvolver en colaboración cos concellos políticas públicas para conseguir unha sociedade igualitaria”, manifestou no encontro.
Así mesmo, referiuse con especial atención aos municipios máis pequenos. “Queremos chegar a unha igualdade real independentemente do lugar onde se viva, xa sexa un concello pequeno, como son a gran maioría dos da provincia de Lugo, ou nas cidades”. Nas súas palabras, deixou patente que o compromiso da Deputación de Lugo coas políticas en igualdade é pleno, e que “se aplican de maneira transversal na xestión da institución provincial, e de maneira máis concreta, a través das accións que se impulsan dende área específica de Muller e Igualdade, dirixida pola Deputada María Loureiro”, engadiu.
O Presidente lembrou que a Deputación de Lugo está ultimando o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes da institución, “un paso importante que servirá para abordar materias como o proceso de selección e contratación, clasificación profesional, formación, comunicación e linguaxe non sexista, condicións de traballo, exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, a baixa representación feminina e a prevención do acoso sexual ou por razón de sexo.
Programa
Ao longo da mañá, a Casa das Artes de Vigo foi o escenario de varias mesas de debate e reflexión arredor das políticas en materia de igualdade que teñen en marcha agora mesmo os gobernos provinciais ao longo da xeografía española. Ademais, incluíu un encontro coa Rede Europea de Mulleres da Escena en Igualdade.