A mostra poderá visitarse na Sala de Exposicións da Biblioteca Municipal, recentemente reformada
“Superarte supón unha das semanas máis especiais para Viveiro, na que o municipio demostra o seu carácter inclusivo e noso obxectivo por visibilizar a arte feita por persoas con diversidade funcional”, recalca a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, sobre Superarte, cuxo acto inicial será o vindeiro luns ás 20.00 na Sala Multiusos do Concello.
Tras este acto, a exposición de arte inaugurarase o próximo luns ás 20:30. A mostra poderá visitarse ata o próximo 31 de outubro en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00. Xolo é un recoñecido pintor na comarca da Mariña, ademais, a Asociación Saúde Mental “A Mariña”, da que é usuario, colabora coa mostra.
“É unha honra que a remodelada sala de exposicións da biblioteca sexa inaugurada cunha mostra de Xolo, enxalzando o talento da comarca e cuxa pintura non deixa indiferente a ninguén”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega sobre un espazo recentemente reformado polo Goberno local.
Durante a vindeira semana, Superarte proporá unha ampla programación gratuíta, na que se inclúen varios eventos alén das obras de teatro. Entre outras actividades, programáronse exposicións, faladoiros, contacontos, un rastrillo solidario e un concurso en colaboración co comercio local. Ademais, o programa deste ano contempla varias actividades dirixidas á mocidade.