Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 1.100 sinaturas da veciñanza de Abadín reclaman de xeito urxente mellorar a atención sanitaria no concello

Os socialistas iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas o pasado mes de agosto, coa que percorreron as parroquias do municipio e na que constataron a preocupación e as inquedanzas da veciñanza polo deterioro da Atención Primaria no centro de saúde

Abadín, 4 de outubro de 2022. O Voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz, entregou hoxe no rexistro da Xunta en Lugo preto de 1.100 sinaturas coas que reclama á Consellería de Sanidade mellorar de xeito urxente a Atención Primaria no concello de Abadín.

Actualmente, só hai un médico para atender a unha poboación de 2.300 veciños e veciñas, e a carga de traballo que está soportando o único sanitario é excesiva. Ademais, o socialista reclama que se retome a prestación do servizo de pediatría que a Xunta recortou hai tempo.

A agrupación socialista de Abadín iniciou unha campaña de recollida de sinaturas o pasado mes de agosto, coa que percorreron as parroquias do municipio e na que constataron a preocupación e as inquedanzas da veciñanza polo deterioro da Atención Primaria no centro de saúde. Explican tamén que o facultativo que está na consulta ten que distribuír as quendas de traballo para atender a tódolos pacientes que estaban no cupo dos outros dous sanitarios.

Estamos fartos de recortes e desgoberno
“Queremos vivir no rural, e reclamamos unha educación e unha sanidade dignas. O Alcalde e todo o seu goberno non poden facer oídos xordos diante dun problema tan grave coa Atención Primaria no noso concello. Deberían velar polos nosos dereitos e enviarlle un recadiño ao seu Goberno do PP na Xunta para que escoiten á veciñanza de Abadín: Estamos fartos de recortes e desgoberno”, recalcou o voceiro socialista.

Exit mobile version