Con esta iniciativa continúan a sensibilizar a través da arte dos problemas da contaminación
Burela, 31 de outubro de 2022. A Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela comezará esta semana a realizar pinturas nas bocas dalgúns dos sumidoiros co fin de concienciar á poboación sobre a contaminación e a mala xestión dos residuos, que afecta gravemente aos ecosistemas mariños.
Continuando co lema de campañas anteriores, “O mar comeza aquí”, os artistas Marcos Pereira e Manuel Andrés Pallín, de Concepto Circo, serán os encargados de facer debuxos en 3D para alertar á poboación de que un xesto como tirar unha cabicha no sumidoiro ou o envoltorio dun caramelo pode ter consecuencias graves tanto para o medio ambiente como para a nosa saúde.
A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, anunciou esta campaña como “unha iniciativa novidosa, que mestura a arte coa concienciación social, e que estou segura que terá un impacto na xente, evitando xestos que ás veces se fan de forma automática e que son moi prexudiciais”.
Na mesma liña se pronunciou o edil de Cultura, Jose Díaz, que quixo destacar que “a arte é a ferramenta perfecta para poñer o foco sobre problemáticas como a contaminación, pero tamén para continuar embelecendo as rúas de Burela con mensaxes que calan na sociedade”.
Referiron ambos o vínculo desta campaña con Amarte e coa cerámica da ponte de Eijo Garay, de forma que gañadores do concurso de pintura mural están a embelecer con sendos proxectos algunhas zonas de Burela: Martín Cal coa cerámica, e agora Marcos Pereira cos debuxos nos sumidoiros.
Ao longo desta semana, se as condicións climatolóxicas o permiten, iniciaranse as pinturas.