Viveiro, 8 de outubro, 2022. A secretaria xeral do PPdeG cualifica o veto á pesca de fondo como “unha decisión inxusta e incerta” e considera que se trata dun “golpe durísimo” para Galicia porque “afecta a 4.400 pescadores e ás súas familias, así como a numerosos postos de traballo indirectos no sector do transporte e nas lonxas”.
Anuncia que esta tarde estará, xunto a outros membros do PPdeG, na mobilización de apoio á frota galega convocada ás 19.00h en Ribeira; “acompañando e apoiando á familia do mar de Galicia, porque sen o mar morremos”.
Critica con dureza a “hipocrisía e deslealdade” do BNG neste asunto: “Como poden pasearse polos portos de Galicia dicindo que están moi preocupados e ao mesmo tempo en Bruxelas integrarse no grupo dos Verdes que está poñendo en risco toda a nosa pesca co seu ecoloxismo radical?”
“Pedimos ao BNG que se poña realmente ao carón da xente do mar e deixe de votar en Europa unhas políticas verdes que están deixando unha Galicia negra”, insiste.
Sobre os Orzamentos Xerais do Estado para 2023, Prado considera que “supoñen un desprezo absoluto do Goberno de Pedro Sánchez a Galicia” porque “practicamente non contemplan investimentos novos e se limitan a recoller partidas que se repiten ano tras ano e que despois non se executan”.
Afirma neste sentido que “Galicia non merece o maltrato que está sufrindo por parte do Goberno de España” ao comprobar que “estamos totalmente esquecidos nestas contas mentres Cataluña e outras comunidades socialistas resultan privilexiadas con máis ingresos”.
Afea ao Executivo que “os ministros de Sánchez veñan día si e día tamén a Galicia pero sen aportan nin traer nada para os galegos” e que “cando chega a hora de plasmar a política en cifras a través dos orzamentos, sigan demostrando que nin pensan nin están con Galicia”.