Ribadeo, 24 de outubro de 2022. Segue a mobilidade europea de Apaga na que están a participar dous profesores turcos estes días na Mariña lucense. Os mestres, chegados de Izmir, visitan centros de ensino e empresas tanto en Galicia como en Asturias.
Xa pasaron a semana pasada por Otelec, que se dedica á electricidade e está no polígono industrial de San Cosme de Barreiros; e realizaron tamén unha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional de Avilés, ao IES As Mariñas, de Betanzos, e ao IES Lois Peña Novo, de Vilalba. Tanto na cidade asturiana como na provincia da Coruña tamén se achegaron a empresas vinculadas á automoción.
Hoxe, luns, visitan Astilleros Gondán, en Asturias, e mañá achegaranse a Hermanos Rega e Hijos de Ramón Rubal, empresas ambas de Alfoz. Tamén pasarán por Finca Galea.
A fin de semana os profesores turcos aproveitaron para coñecer algúns dos atractivos turísticos da comarca da Mariña como o Faro da Illa Pancha, en Ribadeo.