Site icon Crónica3.com A Mariña

O Teleclub de Cabanas (O Vicedo) retoma a actividade coa proxección de dous vídeos

O Vicedo, 7 de outubro, 2022. Ás 19:00 horas do próximo sábado, día 8, reanúdase a actividade de dinamización da parroquia de Cabanas. Será cun acto a celebrar no teleclub, onde se presentarán as actividades a realizar durante os próximos meses e se proxectarán dous vídeos con protagonistas da propia localidade, desde crianzas a persoas da terceira idade e mesmo o sacerdote Cristóbal Rivas. Un dos audiovisuais, preparado polo actor Carlos Santiago, recolle os mellores momentos da celebración do Día das Letras Galegas, con recitais de poesía e sesión de conta-contos feita polos propios asistentes. O segundo dos traballos a realizar leva a sinatura de Matías Nicieza, que inicia así unha colaboración destinada á dinamización cultural do lugar. O director burelao estréase cunha reportaxe sobre a xornada de inauguración do Teatro das Cortes, un acto realizado no pasado mes de agosto coa participación da compañía Volta e Dálle e que consistiu na celebración da finalización das obras de reconversión dunha antiga granxa de vacas en local destinado ás artes escénicas.

COÑECEMENTO DA HISTORIA A TRAVÉS DA REPRESENTACIÓN TEATRAL

Para o próximo mes de novembro está previsto que Cabanas celebre unha xornada de divulgación da historia local a través do teatro. Para iso contan coa colaboración do historiador José Francisco Correa Arias e do dramaturgo Lucho Penabade, da compañía “Os Quinquilláns”. Despois dun relatorio no teleclube, os participantes na xornada sairán ao exterior para facer unha visita teatralizada á igrexa de Sta. María de Cabanas, construída no século XIV por iniciativa de Fernán Pérez de Andrade.

Exit mobile version