Site icon Crónica3.com A Mariña

“O que non arde” de Medio Rural da Deputación, entre as tres mellores iniciativas de apoio á gandeiría extensiva no ámbito local

O programa presentouse nun foro de debate sobre as liñas a seguir de cara a unha estratexia estatal para o sector, organizado por WWF en Madrid

smart

Lugo, 25 de outubro de 2022. O programa de prevención de incendios de Medio Rural da Deputación de Lugo “O que non arde” presentouse esta mañá en Madrid, no marco da xornada de presentación da Proposta de bases técnicas para unha estratexia estatal de gandeiría extensiva organizada por WWF en Madrid.

Durante a intervención, nunha mesa redonda na que se expuxeron as mellores iniciativas públicas en apoio á gandeiría extensiva desde as administracións locais, a delegación de Medio Rural repasou a evolución do programa, pioneiro no ámbito dunha institución provincial e centrado na promoción do pastoreo en extensivo como ferramenta para reducir a biomasa en zonas forestais. Nesa lña, incidiuse na adaptación do programa ás necesidades formuladas por gandeiras e gandeiros, procurando enfocar as axudas en medidas que atendan á realidade do sector. Concretamente, a última convocatoria do programa, aprobada a pasada semana, establece axudas para investimentos relacionados con peches e sistemas de rotación e manexo de gando ovino, cabrún e porcino.

Durante a intervención, tamén se deu eco a outras iniciativas de promoción e apoio á gandeiría extensiva impulsadas dese a área de Medio Rural , como a plataforma Son de Lugo, que facilita a venda directa dos produtos aos consumidores, ou o programa “Da Escola á Granxa”, que pon en valor o traballo de gandeiros e gandeiras na produción de alimentos e na conservación do territorio.

A deputada de Medio Rural Mónica Freire sinalou que “a presentación de “O que non arde” no contexto desta xornada supón un recoñecemento e respaldo para as accións que vimos desenvolvendo desde a área de Medio Rural, centradas fundamentalmente no apoio aos gandeiros e gandeiras que apostan por modelos extensivos, que xeneran riqueza e traballo no rural mantendo o territorio e producindo alimentos de calidade”.

Os proxectos de Medio Rural expuxéronse ante as 150 persoas asistentes á xornada, entre eles, representantes de distintas entidades privadas e administracións que participaron como consultores na redacción da Proposta de bases técnicas para unha estratexia estatal de gandeiría extensiva. O documento pretende servir como referencia no deseño de políticas públicas relacionadas cun sector estratéxico desde o punto de vista económico, social e ambiental.

Exit mobile version