O Centro de Saúde de Burela está dotado de dous profesionais de pediatría, “pero a realidade é que dende hai tempo só hai un pediatra porque unha das profesionais marchou a outro destino”
Burela, 6 de outubro de 2022. A Deputada Autonómica do PSdeG pola provincia de Lugo Patricia Otero vén de rexistrar diversas iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta que “cubra de xeito urxente a praza de pediatría do Centro de Saúde de Burela, para que teña a capacidade asistencial que ten asignada”.
A socialista lembrou que a Plataforma Sanitaria da Mariña recolleu sinaturas para demandar a cobertura da praza de pediatra, “tendo que ampliar o horario do dispositivo móbil que instalaron para facelo pola avalancha de persoas que acudiron”.
A Deputada lembra que o Centro de Saúde de Burela está dotado de dous profesionais de pediatría, “pero a realidade é que dende hai tempo só hai un porque unha das profesionais marchou a outro destino”. Polo tanto, só atende unha pediatra no Centro de Saúde de Burela para 1.500 nenos e nenas. Esta situación viuse agravada pola ausencia estes días do pediatra que atende aos nenos dos concellos de Xove e Cervo”.
Por todo iso, dende o PSdeG “demandamos ao Sergas que dote dun servizo de pediatría completo ao centro de saúde de Burela, e que remate coa insostible situación que están a vivir as familias, así como tamén a única pediatra que a día de hoxe presta servizos nel”, incidiu a Deputada.