Dende o PSdeG advirten que “é difícil garantir unha boa atención cando o PP leva recortado preto de 1.100 profesionais en Atención Primaria na súa etapa de Goberno. Ou cando se pechan 900 camas hospitalarias”
O PSdeG insta á Xunta “a que solucione as graves deficiencias en materia de persoal de Atención Primaria que hoxe sofren o 80% dos concellos lucenses”, así como “garantir os cadros de persoal completos en todos os centros de saúde, hospitais e especialidades, nomeadamente no rural; e unha política de contratación que cubra as baixas por enfermidade, as vacacións e as xubilacións do persoal sanitario”.
Os socialistas tamén reclaman ó Goberno de Alfonso Rueda “que deseñe un modelo de carreira profesional atractivo, para evitar que queden desertas prazas de especialidades como a Atención Primaria ou a Pediatría”.
Unha liña de axudas para pagar as viaxes aos hospitais aos afectados
A través desta proposta esixen o “compromiso formal de non volver empregar o sistema de vacunódromos centralizados para persoas da terceira idade, así como unha liña de axudas que permita ós afectados recuperar o custo económico desembolsado para acceder a unha vacina que outros maiores van recibir de xeito gratuíto”.
Hai que lembrar que o secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, denunciou insistentemente o sistema de vacunodromos para subministrar a cuarta dose da vacina da Covid ós maiores de 85 anos nos hospitais. “Unha medida que obrigou ós maiores, e ás súas familias, a asumir desprazamentos de ata 120 km para poñer a vacina. O sistema fracasou, como quedou de manifesto polas queixas verquidas nos medios, e só se vacinaron a metade das persoas previstas. Foi un exemplo máis da incapacidade da Xunta de Galicia para xestionar a Sanidade Pública”.
Non cubren nin as vacacións, nin as baixas por enfermidade
Dende o PSdeG advirten que “é realmente difícil garantir unha boa atención cando o PP leva recortado preto de 1.100 profesionais en Atención Primaria na súa etapa de Goberno ou cando se pechan 900 camas hospitalarias, por non falar da irracionalidade dun modelo de xestión, o do Sergas, que contempla como normal non cubrir as vacacións nin as baixas por enfermidade.”.
As escusas do PP
Os socialistas replican que “o PP non pode recorrer a escusa da falta de cartos, porque un goberno que en 2020 deixou sen executar o 40% dos fondos extra de Sanidade percibidos por mor da pandemia, non pode alegar problemas orzamentarios. E tampouco ten credibilidade quen culpa ó Goberno central da falta de prazas MIR, cando o certo é que as catro últimas convocatorias do goberno de Pedro Sánchez foron as máis grandes da historia. Son as malas condicións laborais que ofrece a Xunta as que fan que as prazas de MIR de Lugo queden desertas, ou que a plantilla galega de Pediatría estea cuberta só ó 85%”.