Esta infraestrutura permitirá implantar e testear aeroxeradores de entre 100 e 900 kW de potencia que deseña e fabrica Norvento
Nunha visita ás instalacións, onde estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o vicepresidente económico subliñou que este proxecto vai supoñer unha oportunidade para achegar ao sector novas solucións tecnolóxicas e de I+D+i que o fagan máis eficiente.
Segundo dixo, esta infraestrutura permitirá implantar e testear aeroxeradores de entre 100 e 900 kW de potencia que deseña e fabrica Norvento. Un tipo de aeroxeradores coa tecnoloxía máis innovadora do sector para proporcionar baixos prezos enerxéticos en proxectos de enerxía distribuída e repotenciación de parques co mínimo impacto.
A previsión da empresa é que estas instalacións cheguen a albergar tres modelos máis, aparte do que xa está instalado, ata acadar os 2MW de potencia total. A maiores, tamén se instalará un sistema de almacenamento eléctrico con baterías deseñado pola empresa pensado para redes de distribución, supercargadores do vehículo eléctrico e industrias ou plantas de xeración renovable.
Conde recoñeceu que tras este gran proxecto de Norvento hai un traballo de investigación que a empresa leva desenvolvido ao longo destes últimos anos. E hai unha aposta por poñer as enerxías renovables ao servizo da industria, que é un dos obxectivos da Xunta cando falamos de impulsar o desenvolvemento deste sector. Un desenvolvemento do sector das renovables, en xeral, que dea reposta ás principais necesidades que a industria ten neste momento: o prezo eléctrico, a eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a competitividade.