Os populares consideran inexplicable a desatención do goberno local con respecto a unha zona que “é un dos grandes escaparates da cidade”
Viveiro, 11 de outubro de 2022. A imaxe das cidades é a impresión que, de maneira xeralizada, teñen delas os seus veciños e os que as visitan. Ordenación urbanística, aseo urbano, xardíns en boas condicións e seguridade son aspectos fundamentais para a creación dunha imaxe positiva das cidades. Todas as zonas son importantes, pero hai algunhas que actúan como verdadeiros escaparates urbanos. No caso de Viveiro, un deses escaparates é o Paseo de Covas, e, como sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez, o goberno local presidido pola socialista María Loureiro, consigue que a imaxe que levan os visitantes sexa máis ben pobre, debido, entre outras causas, a sucidade e falta de pintura tanto nas pérgolas como no muro que delimita o paseo e a praia. Os populares reclaman do goberno local que adopte as medidas necesarias para corrixir tales déficits.
Óscar Rodríguez sinala: “No Paseo de Covas hai cinco pérgolas. O Concello só limpou e pintou unha hai xa algún tempo, pero nas outras non fixo nada. É unha pena que teña as pérgolas e o muro do paseo no estado en que se atopan, cheos de sucidade e sen pintar”.
Os populares din que, dado o tempo transcorrido do actual mandato, se o goberno local avanza ao mesmo ritmo na mellora das pérgolas, necesitará uns seis anos para completar un traballo que debería estar feito dende hai moitos meses.
Rodríguez explica: “O Paseo de Covas e un dos grandes escaparates de Viveiro. Por iso non entendemos por que o goberno local non fai algo para melloralo, porque o certo é que sufre un deterioro acelerado”.
Os populares reclaman á socialista María Loureiro, unha vez máis, que saia da súa zona de confort e traballe por Viveiro, e, neste caso concreto, adopte as medidas necesarias para limpar e pintar as pérgolas e o muro do Paseo de Covas. Rodríguez di: “A alcaldesa quizá non fai nada por mellorar o paseo porque no ve rendibilidade electoral neste traballo, pero, sexa como sexa, é algo que hai que facer canto antes, porque senón chegará o próximo verán e todo estará igual, non, peor, que está agora”.