Os populares lembran que o alcalde mostrouse escéptico cando o PP presentou a moción que deu lugar á programación das melloras e que recentemente criticou á Consellería de Educación e Cultura
Foz, 3 de outubro de 2022. O grupo municipal do PP de Foz mostra a súa satisfacción pola próxima execución de obras de mellora do IES e afea ao alcalde, o socialista Fran Cajoto, que trate de apropiarse do resultado das xestións feitas por outros.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “O PP quere agradecer a presencia no IES de Foz do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para presentar as obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio de Bacharelato e tamén dos antigos talleres de FP, do mesmo centro. É unha obra solicitada no seu momento polo grupo municipal do PP, mediante unha moción presentada ao principio da lexislatura e que, despois de todos os problemas xerados pola Covid-19, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia decidiu retomar e metela nos orzamentos do ano 2022, o que levou a súa licitación e a súa próxima adxudicación e inicio, probablemente en novembro”.
Castiñeira explica: “Dende o PP de Foz mostramos a nosa satisfacción. O noso compromiso coa educación era claro cando estabamos no goberno; fixéronse entón obras importantes en todos os centros, un exemplo claro foi a do colexio número 1, moi similar á que se vai facer agora no IES. E o facemos dende a oposición, conseguindo esta obra de máis de 1,2 millóns euros. Será fundamental para a comunidade educativa en xeral, e para os nosos estudantes do IES de Foz, en particular. Foi a cooperación coa dirección do centro a que levou a traer esta obra para o noso concello”.
Os populares ven con sorpresa a actitude do alcalde, “que non fixo absolutamente nada por esta obras”. Aseguran que “cando o PP presentou a moción, Cajoto era escéptico en relación a que se levaran a cabo e, hai poucos días, criticou a Cultura e apoiou moción do BNG criticando o labor da Consellería e agora pretende apuntarse a algo no que non participou en absoluto”.
Castiñeira di: “Esperemos que Cajoto non poña pegas ás obras. Xa nos conformamos con iso. A actitude do alcalde intentando coller as xestións que fan os demais non nos sorprende; xa o facía como candidato e sigue a facelo agora como alcalde. O PP vai seguir traballando para conseguir obras importantes para Foz, igual que fixemos coa depuradora e con esta do IES, e con outras moitas”.