Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz insta a Cajoto a renunciar aos aparcadoiros en batería en Limoeiros e a que os estableza en liña

Debido ao estacionamento en batería, apenas queda espazo para que os veciños poidan manobrar cos seus coches para entrar e saír dos garaxes

Foz, 6 de outubro de 2022. En política, é frecuente que as ocorrencias dos gobernantes teñan como consecuencia problemas e dificultades para os veciños. Iso é o que ocorre en Foz na Rúa Limoeiros, en cuxa ordenación vial equivocouse totalmente o goberno local, presidido polo socialista Fran Cajoto.

A concelleira popular Verónica Soto sinala: “Dende o grupo municipal do PP dicímoslle ao señor alcalde, igual que llo transmitimos no pleno, que a tozudez non vai a ningún lado: se se fai mal unha cousa, hai que corrixila. Non se pode seguir un día máis facéndolle dano aos veciños da Rúa Limoeiros”.

Soto explica: “É inviable establecer aparcadoiros en batería porque se impide acceder e sair dos garaxes; hai que cambialo. E o máis grave é que ao pintar prazas en batería en beirarrúas que son moi estreitas, gran parte do ancho da beirarrúa queda ocupado polos maleteiros ou polos morros dos coches, co cal non queda sitio para o paso de cadeiras de rodas ou de coches de bebés”.

A mesma concelleira popular indica que “a solución que nos ofreceu o alcalde no pleno, á vista das nosas queixas, aínda empeora a situación”. Engade: “Cajoto di que vai rebaixar o bordillo das beirarrúas para que os coches ao entrar e saír dos garaxes poidan rebasalas sen maior problema; isto aumentaría a perigosidade deste tramo. Tamén hai que dicir que os camións teñen que pasar por riba da beirarrúa debido ao estreito que quedou ese vial”.

Soto está “segura de que non plan de mobilidade non existen rúas destas características nin se propón este modelo de aparcadoiro para rúas como Limoeiros, porque vai en contra da seguridade e da comodidade dos veciño, aos que se están creando moitos problemas”. Sinala: “Esperemos que canto antes cambie e pinte aparcadoiro en liña; a menos de 30 metros hai un aparcadoiro público, con prazas suficientes”.

Exit mobile version