Os populares din que “é necesario que se saque a concurso un novo contrato, para que esta residencia siga sendo municipal; non se pode ceder agora ao consorcio porque perderiamos os dereitos, tanto dos que xa están na residencia, como os dos propios traballadores”
Foz, 28 de outubro de 2022. O alcalde, o socialista Fran Cajoto, puxo en risco o futuro do Servizo de Axuda no Fogar ao intentar adxudicar o contrato apoiado nun estudo de custos de xaneiro do 2021. Así o indica o portavoz popular, Javier Castiñeira, que avisou reiteradamente do que podía pasar. Castiñeira explica: “O grupo municipal do PP, no pleno ordinario celebrado onte pola corporación municipal de Foz, demostrou que o señor Cajoto e o seu goberno bipartito (PSOE-BNG) puxeron en perigo o servizo de Axuda no Fogar en marzo, cando sacaron a licitación un contrato absolutamente desactualizado. Iso lle diciamos nós en marzo, pero quixo seguir adiante e ao pouco tempo tivo que retirar esa licitación, porque se deu conta ou alguén lle dixo que era absolutamente impugnable e se saía adiante poñería en perigo o Servizo de Axuda no Fogar nos próximos catro anos”.
Castiñeira explica por que o alcalde puxo en risco o SAF: “Porque o estudo de costes no que se baseaba estaba absolutamente desactualizado; era de xaneiro de 2021 e estabamos en marzo de 2022. Ese estudo non contemplaba os salarios actualizados, que representan practicamente o 90% dos custos desa licitación. Ao final había 1,5 millóns de diferencia entre o contrato de marzo, que ascendía a 5 millóns, e o movo contrato actualizado, que se aprobou no día de onte, por 6,5 millóns de euros”.
Para os populares “é lamentable, porque podía poñer en perigo o Servizo de Axuda no Fogar, porque, preguntámonos, quen ía pagar ese millón e medio de euros; basicamente os traballadores, que representan o 90% do custo do servizo, a propia empresa e moito nos temíamos nós que o pagaran os usuarios”. Afirman que “era insostible un servizo cun 20% de erro á baixa con respecto aos custos totais”. Castiñeira considera que “o señor Cajoto estaba cómodo con este contrato caducado dende o 2019”. Aclara que actualmente o custo que paga o Concello á empresa é absolutamente desactualizado, con máis de 7 euros de diferencia do que calcula agora que vale.
Castiñeira avisa: “Dende o PP dicimos que non queremos que pase o mesmo coa Residencia. Para principios deste ano remata o contrato coa empresa . É necesario que se saque a concurso un novo contrato, para que esta residencia siga sendo municipal. Non se pode ceder agora ao consorcio porque perderiamos os dereitos, tanto dos que xa están na residencia como os dos propios traballadores. Sería un erro moi grande ter que entregar a residencia valeira ao Consorcio e que despois este sacara as prazas para toda Galicia, como teñen no seu propio protocolo, e noutras condicións”. Engade: “Dicímoslle ao alcalde que canto antes se poña a traballar na residencia, porque moi probablemente volva chegar tarde e pódese crear un problema moi grave a traballadores e residentes se segue coa súa actitude”.