Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP da provincia cre que Tomé non está en posición de criticar a actuación da Xunta en materia de incendios porque “é un presidente ausente que non fixo nin unha soa chamada”

Os populares lucenses manteñen o seu asombro ante as palabras de Tomé criticando a política da Xunta de Galicia neste asunto, pois “segue a ser un presidente ausente que no seu momento non fixo nin unha chamada para ofrecer a súa axuda”

Lugo, 16 de outubro de 2022. O Partido Popular de Lugo cre que o presidente da Deputación e secretario xeral do PSOE lucense, José Tomé, non está en posición de criticar a acción política da Xunta en relación aos incendios acontecidos o pasado mes de xullo pois “foi e segue sendo un presidente ausente”. O socialista visitou as zonas máis afectadas polos incendios no Courel, onde fixo unhas declaracións criticando a política da Xunta nesta materia, calificando de “fracaso evidente” a xestión.

Non se entende que Tomé fale de “lealdade, rigor e coherencia” ou que “mentres houbo incendios, a nosa prioridade foi estar cos veciños”. A realidade dista moito destas declaracións. Desde o PP de Lugo instan ao secretario xeral do PSOE lucense que diga con qué medios axudou, pois “nin fixo unha chamada de cortesía para ofrecer a súa axuda”.

Investigación da Fiscalía

En canto á decisión da Fiscalía de abrir dilixencias de investigación a raíz dunha denuncia presentada en agosto pola plataforma ‘Por un Monte galego con Futuro’, que acusa á Xunta de ser responsable por inacción do desastre ambiental causado pola vaga de lumes, a Xunta facilitou á Fiscalía toda a información solicitada.

Neste sentido, hai que aclarar que cando existe unha denuncia deste tipo sempre se abre unha investigación por parte do Ministerio Fiscal para comprobar o feito ou a responsabilidade dos partícipes no mesmo. A fiscal solicitou á Xunta un informe acerca dos operativos que interviñeron, cántos operativos, medios materiais e humanos que tomaron parte na extinción dos incendios.

Lembrar que Galicia despregou na época de alto risco todo o seu dispositivo composto de 7.000 efectivos, preto de 380 motobombas, tractores e ata 30 medios aéreos. O orzamento neste senso supera os 180 millóns de euros este ano, e inclúese ao arredor de 33 millóns de euros só en plan de prevención.

Exit mobile version