O PP busca o apoio de todos os grupos da Deputación para instar ás administracións competentes a mellorar as súas redes viarias na provincia
redac
Os populares cren que é o momento de que, coincidindo coa elaboración e tramitación dos respectivos orzamentos, dean resposta ás necesidades de Lugo en canto á mellora das estradas
Lugo, 20 de outubro de 2022. A hora da verdade cando se trata de medir a capacidade de compromiso dos gobernos chega no momento da elaboración dos orzamentos. O Goberno central e a Xunta xa presentaron os seus proxectos orzamentarios; a Deputación aínda non. En todo caso, segundo sinala o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, “estamos nun momento de elaboración dos orzamentos e o PP, para o próximo pleno, presenta unha moción instando a todas as administracións que teñen competencia en estradas a que no 2023 fagan un esforzo máximo na mellora das estradas na provincia, empezando pola propia Deputación, que ten máis de 4.000 quilómetros e moitas delas están en mal estado, o que causa dificultades a moitos veciños”. Castiñeira cre que “no caso da Deputación, non está a cumprir nin de lonxe coa súa obrigada, e é debido a que o presidente Tomé non se fía dos seus compañeiros para xestionar Vías e Obras, empeñouse en pilotar el esta delegación e o resultado é o desastre en que se converteu a rede provincial de estradas”.
Indica tamén, en relación ao Estado, que “as grandes infraestruturas están practicamente conxeladas, como podemos dicir da A-74 en A Mariña, a autovía Lugo-Ourense e os retrasos na Lugo-Santiago; coa Xunta temos temas relevantes como é o corredor Nadela-Sarria, que é fundamental que se siga traballando nel”.
Castiñeira indica: “E necesario que as vías estean en boas condicións, porque crean economía, seguridade e comodidade; son fundamentais para os residentes na zona rural”.
De cara á posición de socialistas e nacionalistas, o portavoz popular espera “que esta moción sexa apoiada por todos os grupos, para que neste tempo de elaboración de orzamentos haxa un compromiso máximo coa mellora das estradas que é fundamental para o desenvolvemento da nosa provincia”.