Patricia Otero esíxelle á Xunta que sexa proactiva fronte a esta nova ameaza que afecta fundamentalmente á flota de palangre de superficie de Vigo, A Guarda, Marín e Burela
Otero advertiu que esta decisión, por iniciativa de Panamá e en contra de criterios científicos, do sector pesqueiro e do goberno de España, suporía entre outras cousas esixir un certificado para a súa comercialización, “con todos os problemas e cargas burocráticas que supón”. Advirte que o argumento para incluír á quenlla ou tintoreira neste listado parte dun “suposto parecido” con outras especies de escualos que si que poderían estár ameazadas.
A responsable socialista instou ao goberno galego a integrar unha “fronte común para apoiar ao noso sector deste novo ataque”, perpetrado a través dunha decisión proposta outra vez “de xeito unilateral, sen ter en conta ao sector, aos estados membros e aos informes científicos”. Lembra que a quenlla é capturada en alta mar, en pesquerías controladas, e por unha flota palangreira que cumpre escrupulosamente cos requisitos de pesca sostible e respectuosa co medio.
Panamá
Amosou a súa sorpresa polo seguidismo amosado pola UE dunha proposta procedente de Panamá, un país “que non se caracteriza precisamente por ser referente da pesca legal e regulamentada”, pero que quere incluír á quenlla no apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres -CITES-. Esta especie, lembra, non está nin sobreexplotada nin e risco.
O dito apéndice recolle especies que non están necesariamente ameazadas de extinción, pero que poderían chegar a estalo se non se controla estritamente o seu comercio. Sen embargo, o argumento de Panamá é que a quenlla se parece a outras especies que si están ameazadas, malia que o ICCAT afirma que a súa inclusión non contribuirá á conservación das outras 19 especies de escualos en risco.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que demande aos grupos políticos do Parlamento Europeo que rexeiten, na votación do Pleno do Parlamento Europeo, a inclusión da quenlla no apéndice II CITES.
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do goberno español que reclame das autoridades internacionais e da Unión Europea o cumprimento do establecido na propia PPC e que calquera decisión sobre a inclusión da quenlla no Apéndice II de CITES se fundamente en informes científicos, na avaliación do impacto socioeconómico e na consulta ás partes interesadas”.