Site icon Crónica3.com A Mariña

O orzamento da Consellería do Mar no eido formativo sobe ata os 10 M€ en 2023

O Executivo galego reivindica a necesidade de acompañar os avances nas escolas coa modernización da frota para mellorar a habitabilidade e as condicións de traballo e vida a bordo

Ribeira (A Coruña), 19 de outubro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta tarde a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, onde destacou a importancia do labor que realizan centros coma este para impulsar a remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro galego. Neste sentido, incidiu en que o orzamento da Consellería do Mar para 2023 no eido formativo rexistra unha suba de preto do 4,5%, ata roldar os 10 millóns de euros.

A representante da Xunta salientou que a incorporación de xente nova ás distintas actividades do mar é un dos principais retos do sector. Por iso, defendeu a necesidade de, malia as dificultades económicas derivadas do encarecemento da enerxía e das materias primas así como da guerra en Ucraína, consolidar a aposta por un eido que é chave para a economía das zonas costeiras de Galicia.

Eses preto de 10 millóns de euros de orzamento para a formación marítimo-pesqueira equivalen a preto do 5% do orzamento da Consellería do Mar para o vindeiro ano e repártense entre as distintas accións e centros que dependen deste departamento. Rosa Quintana lembrou que ademais da escola de Ribeira, da Consellería dependen tamén a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).

Estes catro centros, salientou, realizan un labor fundamental para formar novos profesionais no ámbito marítimo-pesqueiro e están a vangarda no ensino das distintas materias. De feito, o instituto de Vigo é centro de referencia nacional en materia de Pesca e Navegación mentres que o Igafa é tanto de Acuicultura como de Mergullo.
No curso 2022-2023 os catro centros dependentes da Consellería do Mar contan con preto de 500 matriculados, dos que arredor do 20% corresponden á Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, con case 120 alumnos.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, puxo en valor o labor de escolas como a de Ribeira e a importancia de adaptar os seus equipamentos ás necesidades do alumnado, para que a formación que reciba sexa o máis acorde posible ao que se atopará no mercado laboral.

Neste sentido, Rosa Quintana incidiu en que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 500.000 euros no centro ribeirense para ampliar as súas instalacións mediante a creación dun salón de actos e congresos e dunha aula de pesca sostible así como a dotación de distintos medios materiais para manter os servizos educativos.

A representante do Executivo galego defendeu que as accións formativas son fundamentais para impulsar a remuda xeracional, pero que deben acompañarse de medidas como a renovación da frota para mellorar a súa habitabilidade e as condicións de traballo e vida a bordo. Nesta liña, incidiu en que Galicia seguirá a traballar ante o Estado e ante Bruxelas co obxectivo de que as autoridades comunitarias entendan que subvencionar a construción ou a modernización dos buques non ten por que implicar unha maior capacidade pesqueira.

O centro
A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira comezou a súa actividade formativa en 1993 co obxectivo de impartir ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras para a zona xeográfica que vai desde Rianxo ata Fisterra. A formación regrada que imparte está composta por dous ciclos de grado medio de navegación e máquinas e dun ciclo de grado superior en máquinas.

En canto á formación non regrada, imparte cursos de titulacións náutico-pesqueiras -nas que se inclúe a necesaria para exercer o marisqueo-, para as titulacións e os certificados de profesionalidade da mariña mercante e para ampliar as atribucións de mecánico maior naval e patrón costeiro polivalente, entre outros.

Exit mobile version