Site icon Crónica3.com A Mariña

O Obradoiro de Emprego Vilas Coidadoras, impulsado polos Concellos de Ribadeo e Barreiros, levou a cabo un programa de actividades de sensibilización baixo o lema Conecta coa vida

Ribadeo, 11 de outubro de 2022. Con motivo do Día da Saúde Mental, que tivo lugar onte, 10 de outubro, dende o Obradoiro de Emprego Vilas Coidadoras, impulsado polos Concellos de Ribadeo e Barreiros, levouse a cabo un programa de actividades de sensibilización sobre este tema baixo o lema Conecta coa vida.

Na xornada participaron persoas usuarias do Centro de Atención a Persoas Maiores (nova residencia) de Ribadeo conxuntamente co alumnado de 2º de Educación Primaria do CEIP Gregorio Sanz. En primeiro lugar houbo un obradoiro de manualidades no que se fabricaron diferentes figuras (paxaros, flores…) nas que escribiron actividades ou momentos que lles conectan coa vida e lles fan sentirse mellor. Unha vez rematado o obradoiro, realizaron entre todos un mural no que se integraron todas as mensaxes recollidas, algo que lle deu unha gran visibilidade ao proxecto.

O concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, asegurou que “este tipo de actividades teñen unha grande importancia para exteriorizar os pensamentos e sentimentos das persoas participantes, algo fundamental para a detección e a prevención das enfermidades mentais”.

Segundo o edil ribadense “a cooperación interxeracional fixo desta unha experiencia moi enriquecedora para todos e todas e conseguiu sensibilizar tanto a nenxs como a maiores na normalización da saúde mental, un ámbito no que moitas veces nos atopamos con tabús que poden afectar á detección e tratamento destas enfermidades”.

Dende o Obradoiro Vilas Coidadoras, que comezou en setembro e no que se formarán 20 persoas dos Concellos de Ribadeo e Barreiros ao longo de 12 meses nas especialidades de atención sociosanitaria e animación sociocultural, traballarán moi de preto, tanto coa nova residencia de Ribadeo como co Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro.

Exit mobile version